A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, critica que o goberno galego deixe sen gastar máis de 1.400 millóns de euros “nunha situación de pandemia na que as necesidades da sociedade galega son múltiples”. Ao seu xuízo, a aprobación a semana pasada na Eurocámara do Marco Financeiro Plurianual para o período 2021-2027 e que inclúe mecanismos de control sobre a correcta utilización dos fondos europeos, podería supoñer unha “forte penalización para Galiza por culpa da mala xestión do Goberno do PP”.
“Que Galiza malgaste ou non gaste eficazmente fondos europeos supón dúas cousas: que Feijóo é un pésimo xestor e que ao PP non lle importa solucionar os problemas da sociedade galega”, manifesta Miranda, quen considera que o presidente da Xunta debería explicar por que deixa fondos europeos sen gastar e por que non facilita a participación dos concellos na toma de decisións sobre os mesmos.
Para a portavoz do Bloque en Europa, este problema da utilización dos fondos actuais supón un grave perigo a respecto dos fondos que virán a Galiza do vindeiro Marco Financeiro Plurianual 2020 a 2027 que inclúe aos fondos de cohesión tradicionais e os fondos extraordinarios do Next Generation, aprobado a semana pasada no Parlamento Europeo despois de moitos meses de discrepancias e negociacións entre os Estados Membros. “Que fiabilidade ten Feijóo na xestión dos vindeiros fondos se non gastou de xeito correcto e transparente os fondos actuais”, sinala Miranda.
Ana Miranda critica como ven denunciando o BNG a “total falta de transparencia do goberno galego” na suposta selección de proxectos que poden optar aos fondos europeos. “A Xunta fala de 108 proxectos que poden mobilizar 9.400 millóns de euros como candidatos aos fondos Next Generation, pero non sabemos en función de que criterios foron seleccionados, nin se quedaron proxectos fóra, nin quen os seleccionou”, apunta.
Risco de centralización
“No BNG defendemos que Galiza xestione a totalidade dos fondos europeos de reconstrución para impulsar directamente a saída da crise, pero estamos vendo que o PP non é quen de xestionalos correctamente, xa que ou ben non é transparente ou deixa fondos sen gastar”, explica Ana Miranda, quen critica a centralización do reparto dos 140.000 millóns de euros que lle corresponden ao Estado español dos fondos de reconstrución.