A eurodeputada do BNG e candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, expresou en Vigo o seu compromiso de defender en Europa que os fondos europeos se invistan para crear vivenda pública, -mediante un fondo de vivenda europeo-, co obxectivo de solucionar aos graves problemas que existen tanto en Galiza como, de forma moi especial, na cidade de Vigo, que ten os prezos de alugueiro e compra máis elevados de toda Galiza.
“É inadmisible que os prezos da vivenda en Vigo e en Galiza sexan tan elevados ou máis que en cidades europeas con soldos moito máis elevados”, manifestou Ana Miranda nun encontro que mantivo en Vigo con tres persoas que, por diferentes motivos, atopan problemas para alugar vivenda na cidade máis poboada de Galiza, e no que tamén participou o portavoz do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, e o candidato número 6 ás eleccións europeas, Roberto Pascual.
Segundo os Datos do Observatorio Galego da Vivenda, en Vigo produciuse un incremento dos alugueiros de máis dun 50% na última década, mentres o prezo medio é un 22% máis caro que a media galega. “É un escándalo que o PP negue os evidentes problemas de vivenda que existen en Vigo”, salientou a candidata nacionalista, quen lembrou que un total de 15 barrios da cidade están denominadas como zonas tensionadas polos altos prezos, segundo o Instituto Galego de Vivenda e Solo, e que o prezo do metro cadrado chega até os 10,2 euros, o máis elevado dende que existen rexistros.
Ofensiva do Bloque
Ao respecto, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “desesperantes” estes prezos dos alugueiros na cidade, que rexistran “máximos históricos”. Advertiu ademais do “brutal avance do fenómeno ultraespeculativo” dos pisos turísticos, que chegan aos 1.700, e que multiplican por catro as vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial e apuntou que en Vigo hai case 7.000 persoas inscritas como demandantes de vivenda protexida, cifra que representa o 70% da provincia e o 40% do país.
Igrexas puxo en valor a ofensiva do Bloque en todas as institucións para ofrecer alternativas a este grave problema diante da “inacción” dos Gobernos galego, local e central. No caso do Concello de Vigo, destacou a moción nacionalista aprobada polo Pleno en marzo cunha batería de medidas para que todas as Administracións actúen con urxencia para frear este aumento “disparado” dos alugueiros e facilitar o acceso social á vivenda.
Entre as medidas, o portavoz nacionalista destacou a declaración de Vigo como zona tensionada, a mobilización das 22 mil vivendas baleiras que existen na cidade para incorporar nun parque público con alugueiros a prezos accesíbeis para a maioría social, a cesión das vivendas titularidade da Sareb, e unha ordenanza municipal que permita regular os pisos turísticos, aplicando unha moratoria de cinco anos na autorización de novas vivendas con este uso.
Xa no Parlamento Europeo Ana Miranda denunciou o grave problema de acceso á vivenda, coa suba progresiva das taxas por parte do Banco Central Europeo e a incapacidade do Partido Popular de crear vivenda pública en Galiza, de forma que o problema co que se atopan as familias é cada vez máis grave.
No encontro celebrado hoxe en Vigo participaron tres persoas con graves problemas para atopar vivenda. Así, un deles vive co súa compañeira na casa do seu pai porque só atopa traballos temporais que non lle permiten independizarse. No caso da segunda persoa participantes vive nun piso de aluguer que lle supón practicamente a metade da súa nómina; e, en terceiro, lugar, o terceiro participante, rematada a carreira está preparando oposicións como a opción máis segura de obter uns ingresos estables que lle permitan acceder a unha vivenda.