A eurodeputada do Bloque Ana Miranda, presentará este luns á Comisión Europea unha iniciativa co obxectivo de acadar que Galiza teña o mesmo fuso que Portugal, Irlanda ou Canarias, tendo en conta a diferencia de case unha hora entre Fisterra e Barcelona. De esta forma Miranda trasladará a proposta galega á Comisión, despois de que esta aprobase suprimir o cambio de hora que se leva a cabo cada medio ano, tal e como confirmoi Jean-Claude Juncker.
Ana Miranda lembra que esta proposta xa foi presentada polo BNG sendo deputado Francisco Jorquera en forma de proposición non de lei. Esta iniciativa explicaba que Galiza é un dos países do mundo con maior desfase entre a hora oficial e a denominada hora solar. Galiza xeograficamente está no fuso GMT-1, máis a hora oficial é a GMT+1 e no verán as zonas máis occidentais de Galiza chegan a ter unha diferenza de dúas horas e media a respecto da hora solar.
Para a eurodeputada nacionalista, que en Galiza se axuste o fuso horario e se corrixa ese desfase tería “innegables beneficios para a saúde e laborais”, fronte ao horario actual, que non responde a ningún tipo de aforro enerxético nin de calidade de vida. Pola contra, a súa adopción debeuse a unha razón política dos primeiros anos do franquismo nos que o ditador quería homologar o horario oficial ao da Alemaña nazi.
Traslado ao grupo de expertos
O Parlamento Europeo aprobou unha resolución en febreiro deste ano en virtude da cal abriu unha consulta na que máis do 80% dos 4,6 millóns de persoas que participaron na mesma piden a supresión dos cambios de horario. No Estado español, pola súa parte, o 93% das persoas participantes defenderon a supresión do cambio de hora. En consecuencia, o BNG trasladará a súa iniciativa ao grupo de expertos creado polo goberno do Estado para que a proposta galega sexa tida en conta.
#CambioFusoHorario O que en 2006 era un delirio, unha "chorrada" do nacionalimo galego, en 2018 merece o estudo do goberno do Estado. Nacionalismo galego, 12 anos por diante! pic.twitter.com/oEBac1h9gJ
— BNG (@obloque) 1 de septiembre de 2018