Parlamento Europeo

Ana Miranda: “Precisamos máis presión internacional sobre Israel para acadar o alto ao fogo e frear o xenocidio en Gaza”

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG denuncia o bloqueo de alimentos e medicinas no paso de Rafah, como puido comprobar este fin de semana

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu este martes na sesión plenaria do Parlamento Europeo a necesidade de aumentar a presión internacional sobre Israel para frear o xenocidio en Gaza e acadar canto antes un alto ao fogo. “Non son necesarias máis palabras, senón accións: cese ao fogo inmediato y que se protexan las vidas, porque se non os matan por bombas mátanos de fame e sede”, denunciou.

Neste sentido, Miranda fixo referencia á viaxe que realizou esta fin de semana a Rafah -o paso fronteirizo entre Exipto e a Franxa de Gaza, onde estivo xunto outras eurodeputadas-, e onde entre ambulancias e tanques, comprobou o bloqueo humanitario que está sufrindo Gaza, con máis de 2.000 camións que esperan para entrar con axuda humanitaria, mentres 1 de cada 6 crianzas sufre desnutrición en Gaza. “É inmoral que morran bebés por falta de leite mentres hai camións bloqueados”, manifestou, mentres amosaba unha imaxe dos camións bloqueados, o que provocou unha chamada de atención por parte da presidenta, Dita Charanzová.

A eurodeputada galega explicou que, no centro loxístico da Media Lúa Vermella exipcia, a axuda internacional que rexeitou Israel procede de 21 axencias internacionais e de 40 países donantes. Segundo indicou, esta axuda consiste en medicinas, alimentos, xeradores eléctricos e tendas para acoller a quen perdeu a súa casa. “Todos os interlocutores cos que falamos, exipcios, europeos, palestinos e internacionais din o mesmo, hai risco inminente de colapso”, alertou.

Rematar coa impunidade

Para Ana Miranda, “hai que terminar con décadas de impunidade de Israel e por iso pasar ás sancións inmediatas, o embargo de armas e a suspensión inmediata do acordo UE-Israel”, xa que hai un mes, a Corte Internacional de Xustiza (CIX) ordenoulle a Israel que proporcionase “medidas inmediatas e efectivas” para protexer á poboación palestina na Franxa de Gaza asegurando suficiente asistencia humanitaria e permitindo servicios básicos, “e Israel incumpriu”.

Mostra da impunidade de Israel son as acusacións sen probas contra a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA). Segundo a eurodeputada do BNG “esta actuación é unha estratexia máis das que desenvolve Israel contra o Pobo palestino”, posto que a UNRWA presta apoio a 5 millóns de palestinos e palestinas rexistradas en Oriente Medio e dá refuxio a un millón de persoas desprazadas en Gaza, desenvolvendo a súa labor en situacións de alto risco.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG