A eurodeputada e candidata do BNG ás #Europeas2019, Ana Miranda, defendeu o voto ao Bloque como a mellor maneira de defender os intereses do pobo galego tanto na Eurocámara como nos concellos e comarcas do Condado, ben sexan os sectores produtivos como o saneamento dos rías e ríos. Precisamente este é un dos compromisos expresados por Miranda durante a súa intervención na presentación da candidatura de Mondariz-Balneario, encabezada por César Gil.
“Para defender o saneamento dos ríos, as pensións públicas, o ensino e sanidade públicos, os sectores produtivos e o emprego, e servizos sociais nos Concellos necesitamos ter máis forza en Europa”, salientou Miranda, quen asegurou que escoller a papeleta do BNG o 26 de maio é garantía de eficacia na defensa dos intereses de Galiza a través dunha voz propia na Eurocámara. “Por iso pedimos o voto a todas as persoas que queiran acadar un escano propio no Parlamento Europeo, con voz nacionalista e de esquerdas en Bruxelas e que aglutine no BNG todo o voto de país para conseguir unha representación reforzada”, manifestou.
Para Ana Miranda, esta eficacia na defensa dos intereses galegos no Parlamento Europeo, quedou demostrada no traballo como eurodeputada, tamén comprobable nas localidades nas que goberna o BNG, como Ponteareas ou As Neves, polo que fixo un chamamento a apoiar a candidatura encabezada por César Gil. “Só desta forma poderemos dar solución con eficacia os problemas das veciñas e os veciños como neses outros Concellos do Condado”, salientou a eurodeputada.
Como exemplo da importancia de ter voz propia en Europa, Miranda citou a defensa do saneamento do rio Tea nas varias iniciativas presentadas no Parlamento Europeo, na área da Rede Natura ou a loita contra os incendios e a eucaliptización, como na recente xornada de traballo coa Comisión Europea en Bruxelas na que participou o alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, na que expuxo os problemas desta localidade durante a vaga de incendios de 2017 e as súas consecuencias para a poboación.
Fondos europeos
“Ter voz en Bruxelas permite abrir a porta das posibilidades aos concellos para pedir fondos europeos no período de financiación 2021-2027, desde a mellora da calidade das augas ou a protección dos sistemas ecofluviais, á potenciación da Rede Natura, a loita contra os incendios”, explicou a eurodeputada nacionalista. Ademais, sinalou que no Parlamento Europeo estanse a debater os orzamentos para as vilas afectadas polo despoboamento, de forma que o Estado español podería recibir un 5% máis de fondos do FEDER para áreas non urbanas con desvantaxes demográficas, naturais ou xeográficas, que teñan dificultades para acceder aos servizos básicos, así como un novo programa europeo denominado “aldeas intelixentes”, centrado no desenvolvemento de servizos sociais.
“Esta é unha oportunidade para o Condado, por iso precisa unha voz propia para defender ter máis fondos europeos en Europa”, concluíu.