A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de ser nomeada vicepresidenta do Intergrupo do Parlamento Europeo de Apoio ao Sáhara Occidental, en representación do grupo Verdes-ALE, do que forma parte o Bloque. A asunción desta función na Eurocámara supón un paso máis nas estreitas relacións entre o BNG e o Sáhara Occidental, materializadas en diversas iniciativas parlamentares e reunións no Parlamento Europeo cos seus lexítimos representantes.
“Queremos amosar todo o noso apoio ao pobo saharauí, desenvolver novas iniciativas e denunciar o cambio de postura do goberno español”, subliña Ana Miranda, quen ao longo da reunión agradeceu a confianza do resto de integrantes do Intergrupo -integrado por deputados e deputadas de catro grupos políticos da Eurocámara- para que como eurodeputada do BNG puidera asumir esta nova función.
Miranda avanzou que o Bloque seguirá impulsando iniciativas de apoio as reclamacións do pobo saharauí e neste sentido anunciou a súa participación, o vindeiro 2 de decembro, na Conferencia Europea de Solidariedade e Apoio ao Pobo Saharauí (EUCOCO), que se celebrará en Berlín. A EUCOCO é a cita anual máis importante do movemento de solidariedade europeo co Pobo Saharauí na que participan delegacións de todo o mundo.
Ademais, en febreiro celebrarase unha Conferencia de Xuristas e o Intergrupo agarda a sentenza europea que, segundo o esperado, dará a razón ao Fronte Polisario. Por outro lado, o Intergrupo tamén seguirá denunciando ás ilegalidades cometidas por Marrocos. “Seguiremos denunciando a ocupación ilegal do Sáhara por parte de Marrocos desde hai máis de 45 anos, que lamentablemente conta co consentimento do Estado español, así como o espolio dos seus recursos naturais”, salientou.