Tras coñecer o peche definitivo do procedemento de infracción contra o Estado español por incumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria, -publicado hoxe pola Comisión Europea-, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliña que “grazas á denuncia presentada polo BNG en 2017, e ao intenso traballo acompañando ás vítimas do Alvia en Bruxelas, a Comisión tivo coñecemento das deficiencias na análise das causas profundas do accidente de Angrois, e o Estado español presentou o plan de acción de seguridade ferroviaria demandado por Europa”.
“Agardamos que os cambios normativos que nós propiciamos coa denuncia que presentamos sirvan para evitar no futuro un accidente como o do Alvia de 2014”, sinala a eurodeputada galega, lembrando que esta traxedia tivo como consecuencia 81 persoas falecidas e 144 feridas. “Estou orgullosa de ter defendido ás vítimas do Alvia e contribuír a un cambio para que nunca máis se produza un accidente así”, subliña Miranda. “Aínda así, non todo está rematado, porque a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) non fixo unha investigación independente para esclarecer o accidente ferroviario, tal e como pediron as vítimas.
Acceso ao expediente
Por outro lado, a eurodeputada do Bloque anuncia que vén de solicitar o acceso ao expediente do plan de acción presentado polo goberno español, que segundo lembra, dá reposta ao procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea en xaneiro de 1019 contra o Estado español por infracción do Dereito Comunitario por incumprimento das obrigas de seguridade ferroviaria sobre a avaliación específica do control de riscos.
Recorda ademais que o inicio deste procedemento foi propiciado pola denuncia presentada pola eurodeputada nacionalista contra o Estado Español (Goberno, Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Ferrocarrís, ADIF e Renfe Operadora) o 7 de xullo de 2017, xusto un ano despois de que a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) entregara á Asociación de Vítimas do Alvia 04155 e ao BNG o informe que cuestionaba a independencia da investigación realizada pola CIAF e sinalaba que non abordaba os elementos clave do accidente. No documento, o BNG denunciaba ao Estado por infracción da normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria, en canto a falta de avaliación de riscos da liña 082 pola que circulaba o tren Alvia, onde tivo lugar o dramático accidente o 24 de xullo de 2013. Denunciábase ao Estado por non facer a avaliación de riscos, en relación co seu control integral e en relación cos cambios substanciais na seguridade ferroviaria que se fixeron no proxecto da Liña Ourense-Santiago, tren Alvia de Viaxeiros de Longa Distancia 150/151 de Renfe Operadora, composto de 13 vehículos e nas condicións de posta en marcha de sistemas de seguridade do “proxecto na Bifurcación A Grandeira” e no longo da liña en especial no sistema de seguridade.
Dilacións no plan de acción
No procedemento de infracción iniciado en 2019, a Comisión Europea instaba ao Estado a realizar cambios en materia de seguridade ferroviaria despois do informe da Axencia Ferroviaria que lle foi entregado ao BNG e ás vítimas do Alvia no 2016. Mais a eurodeputada do Bloque denunciou nestes anos as continuas dilacións e ocultismo por parte do Estado español no cumprimento dos requirimentos deste proceso de infracción, - a través da solicitude de varias prórrogas, unha polo cambio de goberno e outra pola pandemia.
Entre eses requirimentos destaca, ademais da investigación independente do accidente de Angrois, a posta en marcha das medidas de seguridade segundo a normativa comunitaria mediante unha lei ou un decreto. “Para o Bloque é unha prioridade loitar pola verdade e a xustiza en Angrois, pero tamén que un accidente de consecuencias tan dramáticas como o que aconteceu hai case once anos non volva acontecer”, subliña, ao tempo que considera inaceptable o retraso de cinco anos no cumprimento das obrigas marcadas pola Comisión Europea no procedemento de infracción.
Ao longo destes anos, Ana Miranda desenvolveu un intenso traballo de seguimento deste proceso, tanto respecto ao cumprimento do procedemento de infracción como na presentación de preguntas dirixidas á Comisión Europea sobre as manipulacións realizadas polo Ministerio de Fomento a través da Ministra Ana Pastor e do Ministerio de Exteriores a través de Garcia Margallo en 2016 a respecto da presión exercida no executivo comunitario para que non se soubera o contido do informe da Axencia de Seguridade Ferroviaria Europea (ERA) sobre as causas do accidente de Angrois. Igualmente, a eurodeputada nacionalista impulsou sete encontros entre representantes das vítimas do accidente coa Comisaria de Transportes e a Dirección Xeral de Mobilidade, e organizou en 2023 a conferencia “O accidente de Angrois, 10 anos despois”, na que se analizaron os avances en seguridade ferroviaria da man do Director de Transporte Terrestre da Dirección Xeral de Mobilidade e Transporte, Kristian Schmidt, e o Director Executivo da Axencia Ferroviaria Europea (ERA), Josef Doppelbauer, entre outros.