A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia que a recepción da presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, ao ministro de Asuntos Exteriores do goberno de Israel, Gideon Sa’ar, non é máis que un paso máis no proceso de branqueamento que está levando a cabo a UE con respecto ao goberno sionista.
“En lugar de ver a unha Unión Europea forte e contundente condenando o xenocidio que Israel está cometendo co Pobo Palestino, vemos a unha UE que consiste e permite o asasinato e a deportación masiva de persoas que queren vivir na súa terra e que non respecta nin fai respectar o dereito internacional”, subliña a eurodeputada do BNG.
En liña cunha carta asinada xunto a outras eurodeputadas e eurodeputados e dirixida a vicepresidenta da Comisión Europea, Kaja Kallas, Ana Miranda sinala que este encontro representa ademais unha ofensa ás miles de vítimas en Gaza e unha violación do dereito internacional. Neste sentido, insta á Unión Europea a actuar de forma coherente contra as violacións dos dereitos humanos por parte de Israel.
Cese do comercio de armas
“É obriga da UE respectar e facer cumprir as normas internacionais e os fallos da xustiza internacional”, defende a eurodeputada galega e integrante da Delegación de Palestina do Parlamento Europeo, quen lembra que Israel incumpre sistematicamente as ordes da Corte Internacional de Xustiza, quen en xullo de 2024 ditaminou que a ocupación israelí de Palestina é ilegal e esixiu o fin da ocupación e a reparación dos danos causados á poboación afectada.
A eurodeputada galega tamén critica que a UE manteña o Acordo de Asociación UE-Israel, que proporciona beneficios económicos e permite que a industria militar de Israel participe en iniciativas financiadas pola UE. “É inaceptable que a UE manteña este Acordo de Asociación mentres Israel está incumprindo sistematicamente o artigo 2 deste acordo, que sinala como requisito fundamental a defensa dos dereitos humanos e os valores democráticos”, sinala Miranda. Ademais da suspensión do acordo, a eurodeputada do BNG defende o cese do comercio de armas e as exportacións de equipos militares de todos os Estados da UE a Israel, así como a exclusión das empresas que operan en asentamentos ilegais de todos os procesos de contratación da UE.