A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, interveu hoxe na Comisión de Pesca da Eurocámara, -na audición co Comisario de Pesca e Océanos Kostas Kadis-, na que alertou de que na actualidade na Galiza, como consecuencia das decisións pesqueiras tomadas desde Bruxelas, desde o Goberno galego e do Estado, o número de traballadoras e traballadores do mar acadou o mínimo histórico dende que hai rexistros.
Segundo explicou, en 2024, o número de traballadoras e traballadores no sector da pesca e do marisqueo reduciuse case un 5%, moi por riba da media do Estado español e da media europea. A redución foi aínda máis significativa na faixa de idade entre 25 e 29 anos: case un 12%. Segundo as estimacións, arredor de 18 persoas abandonan, cada semana, a actividade pesqueira e acuícola en Galiza.
“O sector non está a atravesar un bo momento, e as políticas de Bruxelas como a baixada de cotas, as drásticas decisións como as vedas na pesca de fondo ou o gasto ineficiente dos fondos europeos por parte do Goberno galego, fan que o número de traballadores do mar acade un mínimo histórico no noso país”, denuncia a eurodeputada galega. Ao seu xuízo, a Unión Europea, coas políticas burocráticas e claramente discriminatorias cara Galiza como principal nación pesqueira de Europa, “expulsa aos traballadores e traballadoras do sector pesqueiro”.
Evitar o acoso
A eurodeputada galega subliña que é imprescindible investir máis na remuda xeracional, na mellora das condicións de traballo no mar e na protección dos postos de traballo de baixura e artesanal. Precisamente así o destacou o pasado sábado, na homenaxe ás vítimas do Vila de Pitanxo, de cuxo sinistro se conmemoraron tres anos, que tivo como consecuencia 21 persoas falecidas da tripulación. Miranda tamén se referiu na súa intervención ás condicións de seguridade nos barcos de pesca e científicos para evitar a discriminación e acoso sexual que sufriron varias científicas.