A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, mantivo un encontro en Bruxelas con dous traballadores da multinacional Vestas, que están facendo unha viaxe de Viveiro a Dinamarca (sede da empresa) a modo de protesta pola intención de pechar a fábrica de aeroxeradores da comarca da Mariña e que supón o despido de 115 traballadoras e traballadores.
“Temos que frear a desindustrialización do noso país, que sendo especialmente preocupante na comarca da Mariña, porque sen industria non temos futuro”, salienta Ana Miranda, quen defende a creación e a aplicación dun Plan de Emprego e Industrialización para A Mariña que evite que esta comarca se converta nun deserto industrial e demográfico.
O BNG defende a paralización do ERE da empresa e salvar os 115 postos de traballo, xa que non existe ningunha razón obxectiva que o xustifique, en tanto que se trata dunha empresa que se dedica á fabricación de aeroxeradores para a enerxía eólica. “É paradoxal que queiran pechar unha fábrica de aeroxeradores cando por outro lado asistimos ao fomento de instalación de parques eólicos que espolian os nosos recursos”, denuncia a portavoz do BNG en Europa.
Derrogación da Reforma Laboral
Ana Miranda urxe a derrogación da Reforma Laboral, xa que se esta non estivese en vigor o ERE non podería ser levado adiante e garantiríanse os postos de traballo. “A realidade é que PP e PSOE non están facendo nada para salvar os postos de traballo en Galiza”, denuncia.