O 25M temos a oportunidade de rebelarnos contra a Troika e os seus secuaces políticos votando BNG

Ana MiranadaA cabeza de lista do BNG, Ana Miranda, salientou en Vilagarcía que o 25 de maio Galiza temos a oportunidade de dicir “basta xa” nas urnas a este modelo de Europa antidemocrático e antisocial que provoca emigración, paro, pobreza e exclusión social “e mesmo fame”.

“É a oportunidade de dicir basta xa”, de parar a Troika, de parar a política de recortes e os secuaces políticos que as executan. É a oportunidade, de votar por Galiza, de votar por nós, de rebelarnos, de que saiban que existimos, que Galiza existe e que loita polo seu futuro. E a mellor maneira de facelo é votar BNG, o equipo da casa”, proclamou Miranda.

A candidata nacionalista salientou que o Bloque non ten “unha variña máxica” para resolver os problemas do país na Eurocámara, pero subliñou que ten demostrado, desde 1999 con Camilo Nogueira ata hoxe, “que damos a cara por este país, como sempre fixemos, polos nosos sectores produtivos, polos homes e mulleres deste país que só piden unha cousa: poder vivir dignamente do seu traballo, aquí, na Terra, vivir do mar, do agro, da conserva, de construír barcos, do comercio, do viño, vivir do noso traballo, dos nosos recursos. Vivir do noso”, sentenciou.

En contraposición, Miranda criticou aos “vividores da política” que só se acordan de Galiza en campaña, para facernos crer que “Galiza vai de marabilla” e da utilidade de votar as forzas maioritarias.

De Carril a Vilaxoan

“Cando escoito a estes impostores falar do voto útil aos grandes partidos, dígolles ben alto e ben claro: Non hai nada máis inútil para Galiza que votar ao PP”, denunciou. “Sábeno ben as mariscadoras de Carril e Vilaxoan, sábeno ben no sector mexilloeiro, sábeno ben os mariñeiros do cerco e da pesca de baixura, sábeno ben as redeiras que traballan por menos do salario mínimo, sábeno ben os viticultores que apostan por unha denominación de orixe de calidade fronte aos viños a granel. Sábeno ben os estafados polas preferentes, os emigrantes retornados acosados por Facenda, e os mozos e mozas que cada día son expulsados do país”.Ana Miranada

No mesmo acto, o portavoz nacional, Xavier Vence, manifestou o seu estupor pola “submisión de Feijóo instando aos galegos e galegas a votar como españois nunhas eleccións nas que nos xogamos o futuro”. Parece que para o presidente da Xunta “o grado de desprezo a este país, ao que debería defender, non ten límites”.

Unha submisión cuxas “nefastas consecuencias para Galiza son evidentes”, dixo. “O millonario candidato do PP, Arias Cañete, defende a agricultura dos terratenente do sur, coma el mesmo, e deixa ao noso sector con 300 euros menos de fondos da PAC”.

As migallas do sector naval

Miranda, que tamén mativo un encontro cos traballadores do naval en Ferrol, acusou ao presidente da Xunta de “vender a Galiza por un prato de lentellas”, para denunciar que “o sector naval galego quedou novamente coas migallas mentres o bolo de pan cómeno outros” en referencia á adxudicación ao estaleiro de Navantia-Cádiz dun buque para Gas Natural ao que aspiraba o estaleiro de Navantia-Ferrol, e acusou a Feijóo de ser o “cómplice necesario” nesta nova discriminación para o naval galego.

Miranda explicou que o gaseiro que se construirá en Cádiz suporá 5 millóns de horas de traballo fronte ao millón de horas que supón a patrulleira adxudicada a Ferrol, que só dará traballo a un terzo do cadro de persoal actual do estaleiro, sen supoñer emprego algún para os máis de 5.000 traballadores e traballadoras das empresas auxiliares que están no paro neste momento.

“Feijóo sabía que o gaseiro marchaba para Cádiz quixo tapalo co anuncio dun barquiño”, xa que o encargo feito a Ferrol é “o barco máis pequeno do catálogo da Armada”. Miranda foi clara ao denunciar que, na situación de crise permanente do sector naval galego, PP e PSOE “son cómplices a partes iguais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG