3.000 mariñeir@s defenden o dereito a pescar e son apaleados. O delegado do Goberno debe dimitir.

BNG PIDE DIMISION DELEGADO GOBERNO 2O BNG solicita a dimisión inmediata do delegado do Goberno, Samuel Juárez, tras a “desproporcionada” carga policial contra a frota do cerco. “3.000 mariñeiros e mariñeiras reclamaron nas rúas de Santiago o pan paro os seus fillos e a resposta foi mallalos a paus”, denunciou o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, nunha mostra máis da “criminalización” da contestación social ás políticas do PP en Galiza, a terceira comunidade de todo o Estado con máis expediente e multas abertas por protestas da cidadanía.

Ademais da dimisión, o Bloque levará ao Parlamento a reprobación de Juárez, para que haxa un pronunciamento explicito da Cámara, e no Congreso xa solicitou a comparecencia urxente do ministro del Interior, Jorge Fernández, para que explique a actuación das forzas de seguridade.

Na comparecencia co Grupo Parlamentario, o portavoz nacional, Xavier Vence, sinalou ao presidente da Xunta como “responsable directo” da situación pola súa negativa a dialogar e a negociar. “Feijóo manda pero non Goberna, e confunde a maioría absoluta con absolutismo, como se tivese patente e de corso. Ten tempo para calquera entroidada, pero non para recibir a frota do cerco ou as alcaldes e alcaldesas que representan a medio millón de galegos e galegas”, denunciou.

“Feijóo ten que cambiar a represión e as multas polo diálogo e a negociación, ten que abrir canles para resolver os problemas tanto co sector do cerco, -empezando por renegociar en Madrid o reparto das cotas-, como cos alcaldes e alcaldesas que rexeitan o taxazo de Sogama, que vai contra os intereses da veciñanza”, reclamou Vence.

O portavoz nacional tamén se preguntou se a aposta de Mariano Rajoy de cara aos comicios europeos vai ser o ministro de Agricultura e Pesca, Miguel Arias Cañete, “se o obxectivo é envialo a Bruxelas para que sega tamén na Eurocámara machacando aos sectores produtivos de Galiza”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG