Unha Galiza viva, forte, xusta e con futuro.
1. Unha Galiza forte
Desenvolvemento económico e fortaleza produtiva.
Somos un país rico en recursos. Queremos unha Galiza que os use ao seu favor, poñendo fin ao espolio económico que padecemos. Os recursos galegos deben servir para crear riqueza e emprego de calidade na propia Galiza.
É fundamental apostar polo desenvolvemento de toda a nosa capacidade produtiva. O noso país é punteiro e pode selo aínda máis en moi diversos ámbitos. A política económica e industrial da Xunta de Galiza debe favorecer estratexicamente o desenvolvemento dos nosos sectores produtivos, apostar pola reindustrialización sustentábel e impulsar a creación de emprego vinculada ás nosas fortalezas estratéxicas.
De igual xeito, é necesario mudar o modelo de financiamento autonómico, que prexudica gravemente á sociedade galega. Galiza debe ter a chave dos seus cartos. E debe contar con instrumentos financeiros e de intervención en sectores chave (enerxía, innovación, crédito...) de natureza pública, ao servizo da economía real.
Un Goberno do BNG defenderá os intereses económicos do noso país. Poñerá en marcha unha tarifa eléctrica galega. Avanzará na creación dunha banca pública, centrada no financiamento público ao servizo das familias e as empresas. Apostará pola recuperación da capacidade agraria do noso país, impulsará o sector pesqueiro, optimizará toda a nosa potencialidade industrial, porá a produción de enerxía ao servizo do desenvolvemento social e económico de Galiza, aproveitará o talento apostando na I+D+i como un sector estratéxico e estimulará de forma estratéxica os sectores emerxentes.
2. Unha Galiza xusta
Cohesión social e igualdade.
A vida non pode rexerse pola lei da selva. Os poderes públicos galegos deben defender o dereito de todas persoas a unha vida digna, unha atención asistencial de calidade e un marco socio-económico xusto.
A saúde, a educación, a vivenda ou o acceso á luz e á enerxía, son dereitos que se deben garantir desde o ámbito público e non poden estar ao albo do lucro privado.
Queremos unha Galiza que se marque como obxectivo combater e reducir ao mínimo a desigualdade e a exclusión social, cunha estratexia que atenda transversalmente todos os ámbitos relacionados: emprego, vivenda, saúde, desenvolvemento persoal e social, territorio e servizos.
Queremos unha Galiza cun sistema sanitario forte e de calidade, que recupere a atención primaria, aposte polo desenvolvemento da atención psicolóxica e achegue os servizos á cidadanía e o territorio.
Queremos unha Galiza que garanta o dereito a unha vellez digna, cunha rede pública de residencias e a garantía dunha política asistencial á dependencia de máxima cobertura e calidade.
A igualdade de xénero e a transversalidade da perspectiva feminista nas políticas públicas deben ser unha prioridade, para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Queremos que a galega sexa unha sociedade moderna e socialmente avanzada, que faga da atención ás persoas unha das súas bandeiras principais. A Galiza que queremos é unha Galiza que coide dos seus cidadáns e cidadás e que non deixe tirada a ningunha persoa á que a vida se lle torza.
3. Unha Galiza viva
Autogoberno, dereitos democráticos, lingua e cultura.
Somos unha nación e temos dereito a decidir, libre e democraticamente, o noso presente e futuro. Aspiramos a unha Galiza soberana, con capacidade plena para decidir sobre os nosos asuntos. No entanto, o avance no autogoberno e nas competencias é o mellor camiño para o avance no desenvolvemento económico e o benestar social.
Somos un país diverso e plural, e como tal temos que garantir que o noso país ha de ser un país inclusivo, integrador, respectuoso e que combata abertamente calquer tipo de discriminación da natureza que for (afectivo-sexual, de raza, lingüística, cultural...). Queremos unha sociedade galega avanzada e á vangarda no recoñecemento e garantía de dereitos democráticos e sociais.
Cremos nunha Galiza aberta ao mundo e capaz de ofrecer ao resto de culturas e pobos, en relación de igualdade, o maior e mellor tesouro que temos: a nosa lingua, cultura e identidade. Para iso é preciso corrixir a desigualdade lingüistica hoxe existente e apostar pola plena normalización social da nosa lingua propia, a lingua galega. De igual maneira, o apoio á nosa capacidade para producir cultura de noso e desde nós debe ser considerada como unha política estratéxica e dimensionada con vocación de relacionamento internacional.
A Galiza que queremos é unha Galiza sen límites, que se mostra con normalidade cara si e cara os demais pobos como o que é: unha nación viva no mundo.
4. Unha Galiza con futuro
Talento, innovación, sustentabilidade.
A Galiza que queremos debe pensarse a si propia desde eixos como o da igualdade de xénero, a sustentabilidade ambiental, a relación local-global na identidade e cultura ou o desenvolvemento económico estratéxico -económico e territorial- no espazo peninsular e europeo.
O futuro de Galiza pasa pola comprensión do espazo galego e do norte de Portugal como un continuo nos fluxos socioeconómicos e de mobilidade. Construír o futuro de Galiza pasa por pensarnos desde nós e definir os nosos intereses a partir da nosa realidade e intereses, non por visións centralistas alleas.
Tamén pola aposta clara pola innovación, a investigación e o coidado e aproveitamento do talento ao servizo do propio país, cunha estratexia de apoio á creación e desenvolvemento dun forte tecido de empresas innovadoras con capacidade e vocación internacional.
A sustentabilidade e os retos ecolóxicos son desafíos do presente, que deben estar na centralidade do desenvolvemento de calquera país. A planificación, ordenación, preservación e coidado do territorio deben estar na base do modelo de desenvolvemento da Galiza que queremos. Porque non hai planeta B e porque Galiza ten no seu medio e territorio unha das súas principais riquezas.