Santiago, 21 de abril de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego (BNG) súmase á campaña internacional que exixe a liberación da deputada e activista palestina Khaleda Jarrar. Jarrar, presidenta da Comisión de Pres@s Palestin@s do parlamento palestino e dirixente da Frente Popular de Liberación de Palestina (FPLP) foi detida por forzas israelís o pasado 2 de abril en Ramala, en flagrante violación da súa inmunidade parlamentar, e permanece desde entón en 'detención administrativa', sen que se teñan presentado cargos contra ela.
Entre outras moitas actuacións criminais de Israel (asasinatos, torturas, destrución de vivendas e cultivos...) está a prisión arbitraria de militantes palestin@s. De facto, neste momento son máis de 6.000 @s palestin@s encarcerados en prisións israelís, dos cales 454 en 'detención administrativa' (o que lle permite mantelos detidos sen ter que formular cargos e sen que podan solicitar a liberdade baixo fianza) e entre eles 18 deputados e deputadas.
O BNG entende que a detención de Khaleda Jarrar se insire dentro da política criminal de Israel de tentar boicotar toda posibilidade de paz na rexión e, moi especialmente, os avances para a proclamación dun Estado Palestino independente, que garanta a liberdade e a seguranza do povo palestiniano.
É por isto que o BNG exixe a liberación inmediata de Khaleda Jarrar e de todos os presos e presas polític@s palestin@s, ao tempo que reafirmamos a nosa total solidariedade coa loita do povo palestino polo recoñecemento dos seus dereitos nacionais, pola paz e pola independencia de Palestina.