parlamento galego

A Xunta responde ao BNG que non ampliará os conceptos e contías da xustiza gratuíta nin as achegas aos colexios profesionais da avogacía e procuradoría

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés defendeu garantir nas mellores condicións un servizo destinado  maiormente a persoas sen recursos  económicos

O deputado do BNG, Iago Tabarés lamentou que o director xeral de Xustiza, José Tronchoni Albert rexeitara “ampliar os conceptos das contías a abonar polo servizo de xustiza gratuíta, nin incrementar as achegas por infraestrutura aos colexios profesionais da avogacía  e procuradoría”.

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, o deputado nacionalista, Iago Tabarés lembrou que no anterior período de sesións, a instancia do BNG foron debatidas diversas iniciativas sobre a quenda de oficio e xustiza gratuíta  atopando sempre “a oposición do Partido popular” e “un grande descoñecemento sobre os profesionais que prestan este servizo”.

Tabarés defendeu o dereito das persoas á defensa dos seus dereitos ante “un xuíz imparcial” e as normas internacionais, a declaración universal de   dereitos humanos ou a Carta dos Dereitos fundamentais da Unión europea “ así o recoñecen” para que as persoas que carezan de recursos “poidan acceder a esta asistencia xurídica”.

 O deputado explicou que no marco actual corresponde á Xunta de Galiza “xestionar e garantir a efectividade deste instrumento esencial nun estado democrático e de dereito” pero todo indica, dixo, “que este aspecto non parece ser importante para o Goberno galego”.

Investimento en Xustiza gratuíta

Iago Tabarés tamén indicou que no ano  2022 ,último exercicio pechado, o investimento en xustiza gratuíta ascendeu a  11.891.000 €, no  2009,hai 14 anos,  era de 10.280.000 €, (que actualizados co IPC son 13.220.000)  e en ambos caos, o número de expedientes alcanzaron o 35.000, polo tanto, o investimento en xustiza gratuíta por habitante sitúase en  4,42 €/hb  “un 30% inferior á media do estado (6,25 €/hab).

Ante estes datos, o nacionalista urxiu ao director xeral de Xustiza a “incrementar considerablemente os orzamentos  e as condicións dos colexios e  profesionais que voluntariamente están adscritos ao sistema de quenda de oficio”.

Por outra banda, salientou que os colexios aportan a infraestrutura necesaria para a prestación do servizo, tanto inmobiliaria como principalmente do persoal para  informar, atender e tramitar as solicitudes e  realizar as designacións das profesionais, tamén en fins de semana.

A quenda de oficio/xustiza gratuíta é un servizo profesional necesario, que certamente ten un grande compoñente de compromiso social e debe ser  retribuído “dun modo digno” de aí a nosa reclamación para “actualizar as contías do convenio de 2021” porque na actualidade as retribucións máis usuais son “inferiores ao ano 2017.

Tras a resposta de Tronchoni Albert, o deputado lamentou que o director xeral de Xustiza non anunciara ningún compromiso para mellorar os recursos da xustiza gratuíta e  replicou que sobre a mellora das retribucións non se corresponde coa realidade porque en procedementos civís existen cinco comunidades con competencias transferidas que retribúen moito máis que Galiza como no caso de  Madrid, Cataluña, Nafarroa, País Vasco e Comunidade valenciana.

No ano 2021 entendemos as melloras das contías  respecto do 2017 pero as circunstancias cambiaron  e hoxe moitos dos procedementos  son retribuídos  por debaixo das retribucións do 2017 e “non é xusto”, recalcou o deputado do BNG. “Hai que elevar as contías por riba dese ano e hai que ter en conta que non se reclama a equiparación co valor de mercado pero si contías dignas”.

Iago Tabarés concluíu afirmando que as persoas sen recursos teñen dereito ao servizo de asistencia xurídica gratuíta pero os baremos deben ser aplicados en función do IPC, pagos sen demoras, cobertura sanitaria, así como cobertura de accidentes e responsabilidade civil e a retribución devengada como consecuencia do servizo desempeñado cando se denegue o  dereito beneficiario de xustiza gratuíta como se ven reclamando dende o ano  2009.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG