A deputada e portavoz de Industria do BNG, Noa Presas lamentou hoxe que os votos en contra do Partido popular impediran que a proposta do BNG para instar á Xunta a exercer como mediadora entre a entidade financeira, ABANCA ou outro posible inversor en ISOWAT e facilitar unha negociación flexible que posibilite o éxito da operación e a continuidade da fabrica galega, non prosperara.
No debate da iniciativa nacionalista en comisión, a parlamentaria do BNG afirmou que Galiza está nun “claro declive industrial e cun aumento de empresas en crise”. Para a deputada, os indicadores demostran “o fracaso da política industrial dunha década de Núñez Feixóo ao fronte da Xunta de Galiza e a evidencia de que “estamos nunha nova desaceleración da economía que significa menos emprego, menos industria e polo tanto máis desemprego e máis pobreza”.
Presas acusou de “incapacidade” do goberno Feixóo e do IGAPE para actuar como intermediarios para favorecer o mantemento da actividade produtiva mesmo cando as condicións son positivas.
Hoxe traemos ao Parlamento a situación de Isowat, fabrica galega con ameaza de peche pola falta de alternativas. Isowat pertence ao grupo Invertaresa que entrou en concurso de acredores xa en agosto de 2018 e os traballadoras e traballadoras viven dende entón “unha longa agonía” ante a falta dun comprador, explicou.
Isoswat Made opera con dúas marcas: Made (con fábriga en Medina del Campo) e Isowat, con fábrica no Polígono da Grela da Coruña, as dúas ameazas pero mentres o goberno da Xunta segue mirando para outro lado, Made, en Castela, a pesar de estar menos modernizada e non ter as condicións de experiencia e innovación da Coruña, atopou unha saída.
A parlamentaria do BNG salientou que de non aparecer unha alternativa pode perderse “traballo cualificado e de calidade” polas prácticas de “saqueo” dos propietarios de Invertaresa.
Presas reiterou que o sector ten potencialidade e futuro e Isowat é unha empresa con longa tradición na Coruña ,antiga Isolux Galiza, dunha empresa avanzada, con produtos de alto valor engadido e unha importante carteira de clientes (Navantia, Endesa, Naturgy, Repsol...) polo tanto “viábel economicamente”, apostilou.
A parlamentaria anunciou que o BNG non vai abandonar aos traballadores e traballadoras de ISOWAT e seguirá presentando iniciativas para reclamar á Xunta que interveña e impida o peche da fábrica.