Xavier Vence avoga pola soberanía como aposta estratéxica para o desenvolvemento dos países

Unha delegación do BNG participou na Conferencia Nacional de ERC, onde compartiu a súa experiencia con diversas formacións que están inmersas en movementos soberanistas.

Unha delegación do BNG, formada polo portavoz nacional do BNG, Xavier Vence Deza, e Camilo Nogueira Román, participou esta mañá en La Farga de L'Hospitalet na Conferencia Nacional de Esquerra Republicana de Catalunya. Durante a mañá de hoxe desenvolveuse unha presentación das experiencias internacionais nos procesos de independencia, onde o BNG compartiu a súa postura e situación nacional partillando opinións e contrastando experiencias con outras forzas soberanistas do Estado, da ALE e doutras nacións do mundo que participan de procesos soberanistas.

O BNG apoia a aposta do pobo catalán polo dereito a decidir e no seo desta experiencia de intercambio achegou a visión galega nos debates, informando aos representantes das distintas formacións sobre as iniciativas e a visión de Galiza, en particular sobre a iniciativa pola soberanía que están a artellar en Galiza persoas e colectivos arredor da iniciativa social Galiza pola Soberanía (GPS). A iniciativa pretende, tal e como recolle o seu manifesto fundacional aprobado onte por máis de 200 persoas en Compostela, promover por vías democráticas -que teñan como eixo basilar o diálogo, o debate, a axitación social e a mobilización-, a tomada de consciencia da maioría do pobo galego no proceso de construción nacional e no camiño de se dotar dun estado propio.

Vence resaltou que “a soberanía é unha aposta estratéxica clave para a nosa supervivencia como país, en todas as súas dimensións: económica, social, política, cultural e lingüística. Só a través da soberanía se poden encontrar medidas eficaces para afrontar o devalo social e nacional que está a vivir Galiza como consecuencia da aplicación das políticas recentralizadoras do PP na Xunta de Galiza e no goberno do Estado, así como as que se están a impulsar desde a propia Unión Europea. Estámolo vendo en casos tan flagrantes como o naval, onde o sector está a ser aniquilado por non termos en Galiza a capacidade de decidir sobre os nosos propios sectores produtivos, ou na destrución do sistema financeiro, que diminúe substancialmente a capacidade de Galiza para promover a economía produtiva e encamiñar o aforro dos galegas e galegos a actividades que favorezan o desenvolvemento e o emprego”.

Por esta razón, Vence defendeu a importancia de “termos unha voz propia no movemento que aposta pola vía soberanista como defensa da democracia e das nosas sociedades. Neste camiño enmárcase a nosa participación como Bloque Nacionalista Galego neste encontro e como mostra de apoio aos procesos democráticos de defensa do dereito a decidir doutras sociedades”.

No transcurso do intercambio de experiencias e opinións houbo unha intensa participación con experiencias tan interesantes como a posta enriba da mesa polos representantes do Quebec, que explicaron como consolidaron o seu dereito a decidir malia perderen o referendo, ou por parte da delegación escocesa, que explicaron como se estaban a desenvolver as negociacións co goberno británico sobre o seu referendo cara a independencia. Houbo unha ampla representación de nacións europeas que proviñan de Eslovenia, países bálticos, Córsega, Sardeña, Euskadi, Paisos Catalans, etc.

Catalunya, coma Galiza, ten todo o seu dereito a decidir sobre o seu futuro e neste proceso, diante da formulación da consulta polo dereito a decidir en Catalunya, o BNG quere amosar o seu apoio ao pobo catalán na concreción deste dereito. O BNG sempre acreditou que a autodeterminación é un dereito democrático e fundamental dos pobos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG