Xavier Vence afirma en Vilagarcía que "o pobo está a sufrir extrema violencia económica"

O portavoz nacional do BNG afirmou que “o sistema financeiro está a executar o seu poder contra a nosa cidadanía”

-Vence denunciou que “o PP está a criminalizar ás persoas estafadas polas preferentes que protestan diante a inxustiza que padecen”

 Vilagarcía, 12 de xuño de 2013.- No marco da campaña “Non é unha crise, é un roubo”, o Bloque Nacionalista Galego celebrou esta tarde un acto en Vilagarcía, no Auditorio Municipal, no que participaron o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, a deputada no Parlamento Galego, Montse Prado, e a portavoz municipal do BNG en Vilagarcía, María Villaronga.

Xavier Vence afirmou no acto celebrado en Vilagarcía que “coas últimas novas da quitación das preferentes consúmase a estafa das preferentes. A xente vaise quedar sen o seu diñeiro nunha porcentaxe que vai desde o 39 ao 68 %, o que supón que arredor de 40.000 persoas afectadas non van poder acollerse á arbitraxe”. Vence asegurou que “xa non é só un problema persoal ou familiar senón que é un problema de país, xa que hai que ter en conta que ten unha magnitude de 520 millóns de euros, o 0,5% do PIB, un diñeiro que se cae do consumo e, polo tanto, fica á marxe da produtividade para a dinamización do país. Isto é unha expresión extrema de violencia económica e de poder do sistema financeiro contra a cidadanía, como o demostran episodios que vemos cada día de persoas que viven ao límite da emerxencia social”.

O portavoz nacional do BNG afirmou en Vilagarcía que “o PP está a sacar un rendemento particular desta grave crise económica e social: estaa aproveitando para xustificar todos os recortes en materia de servizos sociais e benestar no único argumento da crise, sometendo ao pobo galego a recortes en servizos sociais e laborais acadados coa loita social durante moitos anos e que nos retrotraen a décadas pasadas”, demostrando que o único criterio usado é seguir os ditames das políticas neoliberais fronte as que agochan a cabeza e cumpren sen protestar.

“O PP por un lado criminaliza aos estafados que protestan, disolvendo manifestacións coma a de onte en Lugo, e por outra parte persisten na estafa e no engano aproveitando a debilidade dos enganados” – asegurou Xavier Vence.

O portavoz nacional do BNG explicou que “no Parlamento seguen tentando encubrir o que ocorreu nas caixas galegas, como manifesta o seu escurantismo na comisión para o control das caixas, na que o PP non quixo facer público o informe de auditoría das caixas que realizou a consultora KPMG antes da fusión e que avalaba a fusión, sendo o argumento basicamente no que se amparou Feijoo, e tampouco quere deixar ver publicamente os documentos nos que se consignaban as millonarias indemnizacións dos exdirectivos, polo que a actitude do PP queda ben clariña”.

Por outra banda, o portavoz nacional do BNG congratulouse do éxito rotundo da folga convocada na comarca de Ferrol. Ao mesmo tempo, Xavier Vence laiouse de que “o éxito da convocatoria, desafortunadamente, vén dada pola resposta a unha situación ao borde do límite da cohesión social. Que esta manifestación fose multitudinaria fai ver que toda a sociedade desta comarca é consciente da situación extrema na que está a vivir. E fronte a isto, temos que denunciar unha vez máis que o PP só está a tomar medidas que prexudican aínda máis a situación das familias que ven recortados os seus dereitos e prestacións sociais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG