O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, afirmou que o exemplo de Allariz é o contrapunto á inoperancia do PP, incapaz de artellar políticas alternativas á crise.
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, visitou esta mañá xunto a Francisco García, alcalde de Allariz, o Festival Internacional de Xardíns de Allariz, unha iniciativa singular que pretende ofrecer a todos os veciños e veciñas a posibilidade de gozar dun novo espazo recuperado para uso público, na marxe dereita do río Arnoia, facendo deste río un elemento de identidade, de ocio, de goce da natureza e tamén de dinamización económica. Vence tamén participou nun encontro con emprendedores e produtores locais onde puido coñecer de primeira man as súas experiencias.
Para Xavier Vence, Allariz é o contrapunto á desidia do PP, incapaz de artellar políticas alternativas á crise gabou o exemplo de Allariz como mostra do que un concello pode facer para o desenvolvemento económico do territorio, para a creación de riqueza e bo ambiente e nivel de vida para os veciños e veciñas. Nesta liña, o portavoz nacional do BNG afirmou que se temos visión de país, iniciativa política e institucional para impulsar a nosa economía produtiva, podemos deixar de lado esta crise. Para o BNG Allariz é un exemplo do que se pode facer no país cando hai ideas, iniciativa e compromiso xunto ao coñecemento necesario para valorizar o que temos. Un exemplo do que deberían tomar nota os dirixentes do PP, que despois de anos de gobernos nefastos non conseguen propoñer nin unha soa medida beneficiosa para os nosos concellos e o noso país.
Vence asegurou que na súa visita comprobou como en Allariz coas mesmas condicións económicas que no resto do país, créanse empresas e emprego, atráese poboación e dinamízase a economía do concello e da zona. Polo tanto, algo leva facendo ben o BNG estes anos. Hai alternativas, máis alá do que nos queira facer ver o PP, cuxas únicas solucións pasan polos recortes que afectan ás clases máis baixas e á destrución e privatización dos servizos públicos.
O portavoz nacional do BNG citou a Allariz como o lugar onde se pode constatar o mellor exemplo de desenvolvemento endóxeno de Galiza, tanto no rural como no urbano e que ademais demostrou que resiste ben a crise, posto que estamos vendo como destes cinco anos para aquí, pese á crise profunda provocada polas políticas neoliberais tanto en Galiza coma no Estado e en Europa, as iniciativas aquí aguantaron. Allariz é unha incubadora de proxectos empresariais de escala inicialmente pequena pero que son xustamente os que van creando empregos sostibles, con actividades compatibles co contorno.
Tax Lease
En respostas aos medios de comunicación, Xavier Vence asegurou que o Tax Lease é simplemente a punta final a unha política para o naval desastrosa, deseñada desde Europa e o goberno central e afirmou que a nosa aposta é unha oposición radical, e mesmo a insubmisión se fai falta, á multa imposta pola Dirección Xeral da Competencia da UE, porque é un insulto e un abuso absolutamente inxusto para un sector e unha economía que atravesa unha situación xa de extrema gravidade, e polo tanto cremos que é dunha crueldade tan extrema que só merece, por un lado, o rexeitamento, e en caso de que non se consiga que esa penalización se corrixa o día 17, nós propoñemos unha insubmisión ou incumprimento desa obriga.
Sobre esta insubmisión, Vence afirmou que debería marcar unha nova etapa na relación do noso país coa UE, nós non podemos seguir obedecendo aquilo que está destruíndo o país, a nosa capacidade produtiva. Por iso, esta situación debe marcar un punto de non retorno para dicirmos ata aquí chegaron as imposicións, os abusos que destruíron os nosos sectores produtivos, e a partir de agora imos pensar o futuro e as decisións de acordo cos nosos propios intereses.