Violencia machista nunca máis!

O BNG celebrou esta mañá un cortexo fúnebre polas rúas de Compostela para soterrar o Patriarcado, un tipo de organización social que está na orixe do machismo e da violencia de xénero contra as mulleres.

Con esta marcha, que saíu da praza do Toural e rematou no cemiterio de Bonaval, onde se procedeu ao soterramento simbólico do Patriarcado, o BNG celebra o 25 de novembro, Día Mundial contra a Violencia de Xénero.

Antes de participar na marcha, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu de que “a desigualdade que significa o patriarcado está na orixe de moitos dos problemas que día a día sofren as mulleres, como a violencia de xénero e da desigualdade entre homes e mulleres”.

Guillerme denunciou que a violencia de xénero “ segue enquistada na nosa sociedade e é preciso seguir combaténdoa, tanto nas rúas como nas institucións”.

Demanda ao goberno do PP para que dea un apoio económico axeitado á loita contra a violencia de xénero

Neste sentido, afirmou que “como BNG facemos un chamamento a modificar a política que neste momento ten o PP para que se orzamente axeitadamente as políticas de loita contra a violencia de xénero que padecen as mulleres”.

“Máis aínda -subliñou- nun contexto de crise económica no que as mulleres teñen máis precariedade laboral, máis paro, menores salarios, e polo tanto máis dificultades para actuar libremente fronte a esa violencia”.

Guillerme rematou facendo un chamamento a “violencia machista nunca máis!”.

 

http://youtu.be/V5Cm6nqwNE0

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG