A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, recibiu hoxe a confirmación de que Vigo e A Coruña estarán incluídas no Corredor Atlántico de Redes Europeas de Transporte tras a celebración do trílogo interinstitucional de negociación entre a Comisión, o Consello e o Parlamento. “Un paso máis no proceso definitivo para corrixir os erros dos gobernos galego e estatal, que permitirá unha mellor conexión dos portos e aeroportos galegos na rede de mercadorías europea”, salientou.
Neste sentido a eurodeputada galega destaca que xa na sesión plenaria do 12 de decembro o Parlamento Europeo dera luz verde a inclusión de Galiza no Corredor Atlántico, tras a súa aprobación na Comisión de Transporte da Eurocámara o pasado 22 de novembro. O seguinte paso será a súa previsible aprobación nas vindeiras sesións plenarias da Eurocámara.
Ana Miranda lembra que a inclusión das cidades galegas neste corredor transeuropeo é unha constante demanda do BNG nos Parlamento Europeo e Galego, e lembra que xa no 2013, na súa anterior etapa como eurodeputada, xa defendeu a inclusión de Vigo e A Coruña nesta rede. “O problema co que nos atopamos en Galiza é que os gobernos do PP nos anos precedentes, decidiron priorizar outros territorios, sen valorar as nefastas consecuencias económicas para Galiza”.
Emendas
Tres das emendas presentadas polo BNG no Parlamento Europeo para o período de financiamento 2014-2020 referíanse á inclusión do porto de Vigo na rede nodal de portos europeos, a modernización da liña Vigo-Porto e a inclusión do noso territorio ao Corredor Atlántico de transporte de mercadorías por ferrocarril. A propia capacidade negociadora da eurodeputada do BNG propiciou que a asemblea xeral da Alianza Libre Europea, (ALE, agrupación de partidos europeos á que pertence o Bloque), celebrada o pasado mes de abril, dese o seu respaldo unánime á petición.
Para o Bloque, non figurar nas redes Transeuropeas de Transporte significa “unha perda de oportunidades e á hora de impulsar a economía”, ao impedir que os portos e os aeroportos galegos estean ben conectados.