A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, criticou hoxe en Valencia a nefasta xestión da DANA -acontecida o pasado 29 de outubro- por parte do goberno do PP da Comunitat Valenciana. Ao longo do percorrido realizado polas principais zonas afectadas destacou que as 227 vítimas desta catástrofe podían terse evitado se o Partido Popular non tivese unha actuación “tan neglixente”.
“Ao igual que o reclamamos nos casos do Prestige e do Alvia, a neglixencia na xestión debe ter como consecuencia a asunción de responsabilidades políticas”, subliñou a eurodeputada galega, quen visitou as principais zonas afectadas pola DANA cunha delegación de representantes do grupo Verdes-ALE do Parlamento Europeo, convidados polo eurodeputado de Compromís e integrante do grupo, Vicent Marzá.
A delegación centrou onte o seu percorrido principalmente na localidade de Catarroja e nos arrozais situados na contorna do porto da localidade de L'Albufera. Ademais, a xornada de traballo inclúe hoxe unha reunión nas Corts Valencianas co grupo de Compromis, encabezado polo seu presidente Joan Baldovi, a quen lle trasladou a solidariedade e o apoio do Bloque Nacionalista Galego.
Fondos europeos
“Os fondos europeos RESTORE deben ser destinados a reconstruír vivendas e infraestruturas pero non para voltar a construír en zonas inundables”, destacou Ana Miranda, quen subliñou que é preciso un cambio de modelo que teña en conta o cambio climático e as súas consecuencias.
Segundo explicou os fondos europeos teñen que servir ademais para reconstruír vivendas e locais “e non para construír en zonas inundables e para favorecer as empresas amigas do Partido Popular”. “Por desgracia, o PP nos ten acostumados a unha mala xestión e unha total falta de empatía e de humanidade en catástrofes como o Prestige e o Alvia”, denuncia a eurodeputada do Bloque.