Senado

BNG exixe ao Goberno o reforzo dos servizos do Eixo Atlántico e ningún recorte

Carme da Silva
Carme da Silva

Carme da Silva demanda a Renfe que aproveite a reordenación dos horarios para incrementar as frecuencias nas franxas de maior demanda do servizo, non para eliminar o tren madrugador das 6:15h entre Vigo e A Coruña

A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno aposte por reforzar os servizos ferroviarios do Eixo Atlántico, e de cara a reordenación dos horarios prevista para o 2 de febreiro, evite recortar o tren madrugador das 6:15h entre Vigo e A Coruña, e proceda a recuperar todas as frecuencias eliminadas como o tren da Coruña-Vigo das 13:58h e o da Coruña-Ourense das 19:43h.  A organización nacionalista entende que a supresión causará graves prexuízos para as persoas usuarias e ve na reorganización prevista unha oportunidade para incrementar as frecuencias nas franxas horarias onde existen maior demanda: a primeira hora da mañá, a mediodía e a última hora da tarde.

As últimas novidades de RENFE a respecto da reorganización dos servizos ferroviarios na Galiza está a preocupar as persoas usuarias do servizo ante a posíbel supresión da frecuencia das 6:15h da mañá entre Vigo e A Coruña a partir do 2 de febreiro. Esta decisión, de levarse a cabo, complicaría a situación das persoas usuarias que verían reducidas as súas posibilidades de mobilidade para desprazarse en transporte ferroviarios.

“Entendemos que até que non se implanten os servizos de cercanías na Galiza -compromiso estabelecido no Acordo de Investidura do BNG-, a operadora ferroviaria debe incrementar os servizos do Eixo Atlántico, os Media Distancia e os AVANT posto que son as únicas alternativas ferroviarias para o tránsito diario da poboación de Galiza” sinala a senadora do BNG. Uns servizos, continúa Carme da Silva, que deben cubrir na medida do posíbel as necesidades de mobilidade da poboación: “mellorando as frecuencias para aproximalas ás estabelecidas nos trens de proximidade de forma que non exista unha diferenza entre trens dunha hora ou de media hora en horas punta”.

A organización nacionalista entende que a reorganización que pretende levar a cabo RENFE debe ir na dirección contraria á que está a artellar e “debe incrementar as frecuencias ferroviarias, sobre todo a primeira hora da mañá, a mediodía e a última hora da tarde” co obxectivo de adaptar o servizo as necesidades das persoas usuarias. “O panel de servizos no Eixo Atlántico permanece estático desde hai anos a pesar de experimentar un significativo aumento de viaxeiros e viaxeiras” subliña da Silva.

Recuperar todos os servizos, potenciar o transporte ferroviario

Así mesmo, tal e como denuncia a Plataforma de Usuarios e Usuarias de Media Distancia, a senadora do BNG reivindica a necesidade de, ademais de rectificar a decisión de eliminar o tren “madrugador”, recuperar os servizos anteriormente eliminados: “o servizo entre A Coruña e Vigo das 13:58h ou o da Coruña e Ourense das 19-43h” exemplifica. Así mesmo, a senadora do BNG lembra que os usuarios e usuarias do Eixo Atlántico levan anos demandando o reforzo dos servizos ferroviarios e que se estabelezan máis frecuencias nas franxas con maior demanda, é dicir, á primeira hora da mañá, mediodía e última hora da tarde.

“É necesario incrementar e mellorar os servizos ferroviarios, para favorecer unha mobilidade da poboación en consonancia cos obxectivos de descarbonización do transporte e de loita contra o Cambio Climático” defende Carme da Silva. 

 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG