O BNG volveu reclamar á Xunta no Parlamento galego que abandone o seu “cortopracismo” e a súa “improvisación” na loita contra a COVID19 e propuxo un paquete de medidas de carácter estrutural que posibilitan “anticiparse fronte á pandemia e estar preparadas diante de novas ondas ou novas ameazas”.
Así o defendeu a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, na comisión sectorial da Cámara, na que recalcou que, fronte ao “relato do Executivo de Núñez Feixóo de que se está facendo todo o posible”, existe “moita marxe de mellora” na toma de medidas fronte ao virus e para “non caer, unha e outra vez, nos mesmos erros”.
Así, avogou pola creación dun Sistema Público de Alertas Epidemiolóxicas e Emerxencias Sanitarias, dotado de persoal, recursos, equipos de rastrexo e puntos sentinela precisos, para crear unha rede de alerta e un sistema integrado de prevención e resposta rápida diante de crises de saúde pública, porque, segundo asegurou, “todo indica ademais que detrás desta situación, con maior ou menor incidencia, virán outras”.
De igual xeito, propuxo a creación, a partir do proxecto de investigación CovidBens, dunha rede galega de vixilancia epidemiolóxica para a detección e alerta anticipada de virus, coa monitorización de augas residuais; o incremento da capacidade de secuenciación xenómica, tanto de mostras de SARS-CoV 2 e as súas variantes, como doutro tipo de patóxenos, e garantir que as probas de detección do coronavirus seguen sendo precisas e válidas para as novas variantes. “Non se pode tirar polo desagüe o coñecemento e o traballo de investigación de tantos e tantas profesionais”, reprochou fronte á falta de apoio do Goberno galego a distintos proxectos desenvolvidos ao longo do país.
Prado tamén considerou fundamental a posta en marcha dun sistema de rastrexo “reforzado e eficiente”, sobre todo diante dunha situación de extrema gravidade como a actual, cunha evidente transmisión comunitaria e onde unha porcentaxe moi elevada dos contaxios non teñen orixe coñecida.
Ao seu xuízo, “é preciso a sistematización dun elemento fundamental para a loita contra a COVID como é a localización e seguimento de positivos e contactos, a súa detección e illamento” e, neste sentido, recriminou ao Goberno do PP que, lonxe disto, tomara medidas que levaron a unha situación de contaxio colectivo, como ter retirado as corentenas de contactos estreitos, reducido as corentenas de positivos sen síntomas ou non facendo rastrexos nin seguimentos de positivos e contactos.
Para Prado, a política desenvolvida polo Executivo galego no rastrexo de positivos estivo caracterizada dende o inicio da pandemia pola improvisación e a falta de planificación -“sempre foi un caos”, reprochou- e, nesta liña, engadiu como exemplo que, pese a que a variante Ómicrom estaba presente en Galiza desde primeiros de novembro, a empresa á que a Xunta lle ten adxudicado o servizo de rastrexo agardou ata decembro para a contratación de persoal e, por riba, “con contratos de fin de semana ou un mes, unha formación de tan só 4 ou 6 horas, segundo a convocatoria, e un salario bruto que apenas supera os 7 euros a hora”.
A deputada nacionalista reiterou a urxente necesidade de poñer en marcha un Plan de Mellora de Atención Primaria, cun compromiso de aumento orzamentario ata chegar ao 25% e que permita dispor do número de profesionais preciso para atender as demandas da poboación e rematar coa desatención na que se atopan miles de galegos e galegas.
Por último, e “diante dunha pandemia global na que non somos compartimentos estanco”, apostou por apoiar a eliminación de patentes e a exención dos dereitos de propiedade intelectual en vacinas, fármacos e tecnoloxía e probas diagnósticas relacionas coa COVID mentres dure a pandemia e ata que se logre acadar a inmunidade de grupo a nivel mundial. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.