O BNG considera que o PP non ten vontade política para enfrontar as verdadeiras bolsas de fraude fiscal concentrado nas grandes empresas e nas grandes fortunas, fraude que en Galiza acada os 14.000 millóns de euros anuais, o equivalente ao 25,6% do PIB do noso país.
Ante esta situación, o portavoz nacional, Xavier Vence, anunciou que o Bloque vai solicitar na Cámara autonómica a creación dunha Comisión de estudo sobre a fraude fiscal en Galiza que radiografie a situación e propoña solucións, acompañada dunha batería de iniciativas no Congreso, co obxectivo de que o Ministerio de Facenda informe da tributación real das grandes empresas e dos grandes patrimonios no Estado español.
Como terceira medida, incluída no programa electoral do BNG ás europeas, erradicar os paraísos fiscais dentro da UE, e a proposta dirixida ao Ministerio de Facenda para que cambie a actual estrutura de inspección do fraude, adicando recursos a atacar ás verdadeiras bolsas de evasión fiscal.
As medidas foron anunciadas por Vence tras un encontro coa dirección de Gestha, o sindicato de técnicos de Facenda, coa presenza do máximo responsable a nivel estatal, Carlos Cruzado, e dos coordinadores galegos, Pedro Álvarez Alonso e Francisco González.
70% da fraude, nas grandes empresas e fortunas
É difícil reducir o déficit e a débeda pública se as grandes fortunas e empresas non pagan os imposto que lles corresponden. A solución non está en cargar de impostos ás rendas baixas e medias senón en obrigar a pagar impostos a quen máis ten, salientou Vence, quen tamén denunciou que a actual estrutura de persecución da fraude do Ministerio de Facenda non está pensada, por falla de vontade política, para atallar o problema real de evasión fiscal que non está no IVE das pequenas facturas, nin no ámbito laboral senón nas grandes empresas e patrimonios. Os estudos dos técnicos de Facenda revelan que aí se concentra o 70% da fraude, subliña Vence.
Unha valoración que ratifica o presidente de Gestha, Carlos Cruzado: É un feito que os medios que se destinan a controlar ás grandes empresas e fortunas non son os mesmos que os que se destinan ás pequenas discrepancias en materia tributaria. Hai un control dos controlados, pero falta esforzo nas grandes empresas, explicou.
Clima de corrupción e impunidade fiscal
O portavoz nacional tamén compartiu cos responsables de Gestha a valoración de que o actual clima de corrupción que afecta aos grandes partidos PP e PSOE, sumado á percepción dun sistema fiscal cada vez máis regresivo e inxusto, termina por afectar á conciencia fiscal da cidadanía.
A sociedade percibe a existencia dunha grande inxustiza fiscal, -que se agravará coas propostas do Informe Lagares-, sumado a percepción dunha corrupción xeneraliza, con amnistía fiscal incluída aprobada no primeiro ano de Goberno de Rajoy para os grandes defraudadores, que foi un fracaso en termos de recadación pero que deixou unha sensación de impunidade, explica Vence, o que está detrás dun menor compromiso social das obrigas tributarias.
A falta de exemplo das elites políticas e económicas e a inxustiza do sistema fiscal que percibe o 90% da cidadanía, inflúe na baixa conciencia fiscal, ratifica Cruzado, quen tamén salientou que, ante casos como Nós e Cemex, os contribuíntes consideran que non todos teñen o mesmo trato ante Facenda.
Emigrantes retornados
Dentro dese trato discriminatorio de Facenda, Vence puxo como exemplo aos emigrantes retornados e as sancións que reciben por un suposto incumprimento de obrigas fiscais que ignoraban, precisamente por unha información pouco clara e incluso contraditoria que recibiron da Administración pública. Atacar a este colectivo que é moi vulnerable non debería ser a prioridade, cando vemos esa baixa intensidade na persecución das grandes bolsas de fraude, concluíu Vence.
Segundo os datos aportados por Gestha, houbo un derrube da recadación por impostos que sitúa ao Estado español 8 puntos por debaixo da media da UE, -80.000 millóns de euros-, dos que a metade se deben á fraude a a economía somerxida e o resto ás consecuencias da crise.