Vence pide a Feijóo menos doutrina FAES e defender GZ da lexislación de Rajoy a favor dos lobbies

VENCE ROLDA PRENSA 6 XUÑO 2014

O Executivo de Rajoy continúa gobernando “a golpe de BOE” a favor dos lobbies e e das grandes empresas “amigas” do PP e en contra dos intereses de Galiza e da maioría social. O último exemplo, o Real decreto de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e eficiencia que acaba de entrar en vigor.

Baixo ese “pomposo empaquetado”, salienta o portavoz nacional, Xavier Vence, o real decreto “contén medidas de privatización, de ataque ao público de centralización e grandes agasallos as empresas amigas do PP e dos lobbies, en particular dos rexistradores da propiedade amigos de Rajoy”.

Ganan as grandes superficies, o oligopolio do gas, as grandes construtoras que se beneficiarán da privatización de AENA, a banca e os rexistradores da propiedade que comparten gremio co presidente do Estado a cambio de privatizar o rexistro civil. Por contra, perde Galiza, a maioría social, o comercio local, as Pemes e o consumidor.

Neste contexto, Vence reclama a Feijóo que deixe de abrazar o catecismo que imparte a FAES e que defenda os intereses do país. “O BNG pídelle a Feijóo menos ideoloxía no nefasto campus da FAES, menos declaracións de submisión a ese centralismo radical aznarista, menos ataque ao nacionalismo e máis defensa dos intereses de Galiza, do sector empresarial, comercial e dos consumidores galegos”.

As medidas en vigor aprobadas por Madrid máis prexudiciais foron enumeradas por Vence.

1.- Liberalización de horarios comerciais que benefician as grandes superficies en detrimento do comercio local e de proximidade e, a modo de exemplo, a liberalización de horarios para o comercio da Coruña imposto desde Madrid. Este tipo de medidas explican a contratación de Manuel Pizarro por parte de El Corte Inglés, “un exemplo máis de portas xiratorias”.

2.- Modificación tributaria ao sector do gas para tapar 164 millóns de euros de Gas Natural non que Vence tildou de “dobre espolio”, posto que ese “burato” será asumido con cartos públicos e suporá un incremento do que pagan os consumidores.

3.- Privatización de AENA, unha infraestrutura produto de investimentos públicos multimillonarios que agora se “agasalla” as grandes construtoras “amigas do PP”.

4.- Blindar a banca ante impostos das CCAA aprobando unha taxa mínima do 0,003% aos depósitos das entidades. Calquera imposto autonómico sería considerado agora dobre imposición.

5.- Bonificacións ás empresas nas cotas da Seguridade Social a cambio de contratos que poden suprimir cumpridos seis meses, o que supón “un mal uso dos 1.800 millóns de euros de fondos europeos e baleirar a SS”, subliña Vence.

6.- Privatización do rexistro civil, que regula os datos básicos e esenciais de cada persoa, -data de nacemento, defuncións e calquera outro avatar vital-, que pasará a mans de rexistradores da propiedade e mercantís. “Rajoy non quixo traspasar esta competencia ás CCAA, pero consuma un despropósito deste calibre para beneficiar aos amigos”, denunciou o portavoz nacional.

“No BNG temos claro que con agasallos aos oligopolios do gas, da banca, ou aos rexistradores da propiedade non se vai crear emprego nin se vai reforzar o país”. Pola contra, explicou Vence, “apostamos por usar os recursos públicos, -neste caso os 1.800 millóns de euros da UE-, para crear emprego directo e apoiar as PEMES e o comercio local, para inserción real da mocidade e, tamén, con investimentos en I+D+i, e no sector das renovables”.

“Privatizacións, privatizacións, privatizacións e agasallos aos lobbies non é o camiño”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG