A portavoz de Mar do Bloque Nacionalista Galego, Rosana Pérez, exixiu na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo, a través dunha Proposición Non de Lei, cumprir cos acordos acadados por unanimidade para as axudas directas ao sector marisqueiro galego afectado pola sucesión de condicións meteorolóxicas adversas. Unhas axudas que darían cobertura á súa redución de ingresos dende o mes de outubro de 2023 ata que se recupere a actividade con normalidade.
Rosana Pérez salientou que despois de ter votado en contra sistematicamente “a máis dunha ducia das propostas do BNG nese sentido durante toda a lexislatura anterior”, finalmente, o pasado sete de maio, o Partido Popular apoiou outra iniciativa do BNG que recolle medidas para poñer en marcha actuacións para a rexeneración dos bancos marisqueiros dende a Xunta de Galiza así como dar a cobertura social axeitada ás traballadoras e traballadores do sector marisqueiro para que, por un lado, puidesen seguir mantendo unhas rendas dignas e, por outro, non se visen obrigadas a abandonar definitivamente a actividade marisqueira e se puidesen manter os postos de traballo no sector.
“Cando pasaron máis de catro meses dende a súa aprobación, vemos como a situación das mariscadoras é moito peor”. A deputada nacionalista denunciou que non se avanzou nada senón que está a retrocedecer. “As axudas que veñen aínda de ser convocadas para o marisqueo a pé, no mes de agosto, un ano despois de que comezasen as choivas do outono, non chegarán a ser cobradas polas persoas afectadas” advertiu.
A única aportación que levan recibido da Administración galega dende o mes de outubro é a de 550 euros que, dun total de 7.000 profesionais, foi aboada apenas a 4.000. Por outra banda, as axudas con cargo aos fondos FEMPA foron convocadas aínda no mes de maio e só para algún bancos marisqueiros de a frote e recentemente no mes de agosto só para determinados bancos marisqueiros de a pé.
Ademais, o segundo punto da proposición non de lei presentada polo BNG insta á Xunta do PP a investir prioritariamente nesas axudas os 21.452.000 euros que, segundo os datos do Estado de Execución dos Orzamentos do 2023 a 31 de decembro de 2023, deixou sen executar a Consellaría de Mar.
“É verdadeiramente inxustificábel este desleixo por parte da Xunta de Galiza”, única Administración con competencias en materia de marisqueo, e resulta ademais “incalificábel” a inacción en particular da Consellaría de Mar que, ademais de tardar meses en convocar as axudas é incapaz de executar os seus propios orzamentos ano tras ano, malia ás moitas necesidades do sector do mar no seu conxunto”.
A iniciativa presentada polo BNG para conseguir que a Consellería do Mar convoque axudas directas para o sector marisqueiro non saíu adiante cos votos en contra do Partido Popular.