Vence comprométese á defensa incondicional dos intereses da frota cefalopodeira galega

O Bloque Nacionalista Galego amosou o seu apoio incondicional á frota cefalopodeira galega, excluída do Acordo de Pesca UE-Mauritania, e comprometeuse a seguir levando as reivindicacións da nosa frota ao Parlamento de Galiza, ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento europeo, institucións onde os nacionalistas xa teñen rexistrado iniciativas en defensa do intereses galegos. Así llo transmitiron esta tarde Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, Olaia Fernández Davila, portavoz do BNG no Congreso, Daniel Roda, Portavoz de Pesca do BNG no Parlamento galego, e Bieito Lobeira, secretario de Organización do BNG, que se reuniron en Marín con tripulantes e armadores da frota cefalopodeira, que levan máis de 7 meses parados.

O portavoz nacional do BNG criticou a hipocrisía da Xunta de Galiza, do Goberno central e da Unión Europea, que están a defender os intereses da frota foránea en detrimento da galega. Vence acusou o Goberno galego de estar “vendido” aos intereses mercantilistas e emprazou a Feijóo a considerar a situación que sofren os barcos galegos con base en Marín e Vigo como unha “cuestión política de primeira orde”.

Na mesma liña, advertiu de que para o BNG a defensa da actividade pesqueira é unha prioridade e anunciou que os nacionalistas levarán a todas as institucións onde están representados co fin de que a frota cefalopodeira galega volva faenar no caladoiro mauritano. Sinalou que Galiza “non pode permitirse o luxo de perder tantos postos de traballo en mar e en terra”. Só os 22 barcos galegos con base en Marín e en Vigo contan con 400 mariñeiros, que se atopan, actualmente en paro. “Os mariñeiros merecen un esforzo maior e unha defensa acendida por parte da Xunta de Galiza”, salientou Vence, que lembrou que Mauritania recibe da UE un total de 140 millóns por dar un dereito de pesca preferente aos membros á frota comunitaria durante dous anos.

O BNG pide a comparecencia do Secretario Xeral de Pesca no Congreso dos Deputados

Precisamente, esta mañá, a deputada Olaia Fernández Davila presentaba unha solicitude para a comparecencia do secretario xeral de Pesca do Goberno central no Congreso dos Deputados, para que explique o futuro da frota excluída do Acordo de Pesca UE-Mauritania e informe das xestións que está a desenvolver para que poida seguir faenando no caladoiro mauritano.

Ademais, os nacionalistas levaron ao Congreso unha batería de preguntas sobre o estudo imparcial presentado por Mauritania que conclúe, sen rigor científicos nin probas, que o stock de cefalópodos está sobreexplotado e que non existen posibilidades de acceso á actividade pesqueira por parte dos mariñeiros galegos. O BNG reclama, ao respecto, que o Goberno central presente estudos científicos de seu, realizados polo Instituto Oceanográfico, xa que é manifestamente falso que o caladoiro careza de recursos, tal e como teñen demostrado informes científicos recentes. Trátase, alertan os nacionalistas, dunha decisión política para favorecer intereses estranxeiros.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG