Pregúntalle a Feijóo se foi a Riotorto a avalar o carrexo de votos denunciado polo BNG ante a Xunta Electoral, un presunto delito electoral do que se fai cómplice
O portavoz nacional, Xavier Vence, no mitin de Allariz puxo o concello gobernado pola equipa que lidera Francisco García como a proba irrefutable de que en Ourense hai alternativa ás políticas fracasadas e caciquís do PP que tan ben representa o clan Baltar, consentidas por Feijóo a cambio dos votos.
O proxecto desenvolvido por BNG-Asembleas Abertas, -desde que fai 25 anos o pobo de Allariz tomase o poder da man do nacionalismo-, lembrou Vence, é a guía do que queremos facer en todos os concellos da provincia e do país, un modelo que implantamos alí onde gobernamos, de benestar, de servizos públicos de calidade, de honestidade, referente urbanístico e modelo de capacidade para desenvolver o tecido económico local .
Vence subliñou o orgullo que lle permite estes días de campaña ir por todo o país falando do exemplo de Allariz, e de moitos outros concellos nos que goberna o BNG, modelo que contrapuxo ao proxecto fracasado do PP en Galiza. Neste sentido, ironizou sobre as declaracións do presidente popular onte en Pontevedra.
Por unha vez estamos de acordo co señor Rajoy cando pide non votar a partidos con fórmulas fracasadas. Se algo demostra o que estamos vivindo en Galiza é o fracaso das fórmulas do PP, que esnaquizan os sectores produtivos, que reducen servizos públicos, políticas de recortes, recortes, recortes que conducen a este país ao devalo,
Vence tamén interpelou a Feijóo pola súa visita electoral a Riotorto, concello gobernado polo nacionalista, Federico Gutiérrez, o primeiro alcalde en opoñerse ao repagamento de medicamentos aos doentes crónicos imposto polo PP, no que o BNG define como espírito de Riotorto.
Pregúntolle ao Sr. Feijóo se foi a Riotorto a supervisar e avalar o carrexo de votos do PP, carrexo de votos que afecta a persoas maiores con minusvalía? Esta a maneira que ten o presidente do PP de entender a democracia, interpelaba Vence, en relación á denuncia presentada polo BNG ante a Xunta Electoral, tras detectar a responsables do PP tramitar o voto de persoas anciás con demencia senil.
Así é como entende Feijóo a democracia, facéndose cómplice dun presunto delito electoral, lamentou.
O dirixente nacionalista salientou que o 24M Galiza ten a oportunidade de lanzar unha mensaxe clara contra ás políticas do PP, dixo, instando a quitar do medio o que representa un Feijóo sempre submiso a Madrid e as grandes empresas madrileñas, aplicando políticas que esnaquizan os nosos sectores produtivos, recortan servizos públicos e provocan a emigración masiva da nosa xuventude.
É a oportunidade de empezar a pasar a páxina negra do PP e BNG-Asembleas Abertas é a alternativa en todo o país. Aproveitémola!, concluíu Vence.