A UE debe dar explicacións sobre a retención de Morales

A retención do presidente de Bolivia, Evo Morales, foi cualificada de “intolerable” pola secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, ao igual ca decisión de Francia, España, Italia e Portugal de prohibir a utilización do seu espazo aéreo ao avión no que viaxaba o mandatario, “un cargo electo democraticamente nun país soberano”. 

Este feito motivou que a eurodeputada nacionalista presentase unha interpelación parlamentar dirixida á Alta Representante de Política Exterior da Unión Europea, Catherine Ashton, na que demanda que se pronuncie sobre as repercusións diplomáticas deste caso e que se clarifique se detrás da decisión destes países europeos existiron presións dos EEUU.

 Miranda, que coasina a iniciativa con outros eurodeputados do Grupo Verdes/ALE e da GUE/NGL, salienta que o sucedido puxo en risco a integridade do presidente boliviano e atenta contra a Convención sobre as inmunidades xurisdicionais dos Estados.

 Este “bochornoso” episodio amosa que os Estados mencionados e o conxunto da UE “cederon unha vez máis ás presións” de EEUU, supostamente pola sospeita  de que o norteamericano Edward Snowden viaxaba no avión, “un cidadán que tivo a coraxe de denunciar a espionaxe masiva dos USA sobre o resto do mundo, incluídos os cidadáns europeos”.

Estamos, denuncia Miranda, ante un novo caso que demostra que a EU está disposta a violar os dereitos fundamentais e o dereito internacional con tal de “compracer” as demandas dos EEUU, en lugar de apostar por unha cooperación legal, transparente e imparcial. "Os cidadáns esperan de nós que sexamos capaces de garantir o respecto dos dereitos humanos e das liberdades individuais, costa creer que teñan que reclamarnos algo tan elemental", concluíu.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG