Tras felicitar a rexedora do Rosal que goberna en maioría, a portavoz do BNG mostrouse convencida de que a nova alcaldesa nacionalista responderá con “traballo e rigor” ás necesidades dos veciños e veciñas cun programa transformador como o que se está aplicando nos concellos gobernados polo BNG, entre os que nomeou como referente o concello de Tomiño.
En corenta anos, explicou Pontón , a veciñanza fixo unha aposta polo nacionalismo para colocar “O Rosal no mapa”. Pontón destacou a “marca do BNG” que cando chega ás institucións implanta medidas para dinamizar a económica, defender a cultura e o patrimonio e sobre todo, “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”.
PROXECTO TRANSFORMADOR DO BNG NO ROSAL
Pola súa parte, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández atribuíu a vitoria do BNG a un “traballo e ilusión colectiva”. Temos un equipo preparado e xa tomamos as primeiras medidas que propuxemos durante a campaña. Neste sentido, apuntou que o traballo municipal estará centrado na transparencia da comunicación, unha axenda cultural que chegue aos barrios e sobre todo destinada á xente maior. Asemade, engadiu que establecerán consellos municipais para potenciar o traballo asociativo e veciñal, medidas para recuperar os espazos para as persoas, fomentar o comercio e a praza de abastos así como revisar os actuais orzamentos. Finalmente lembrou que grazas á comunicación e colaboración coa vila portuguesa de Caminha iniciaranse experiencias nos ámbitos da cultura e patrimonio.