Para a deputada, a Declaración institucional en defensa do Estado das Autonomías, publicada na prensa galega, responde á posición do Partido popular ante o proceso político de Cataluña e enmarcada no discurso de campaña dos populares polo que esixiu que as facturas sexan remitidas a esta forza política e non a cargo do erario público
A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz defendeu hoxe unha Proposición non de lei na comisión de política Institucional instando ao Goberno a non aboar con recursos públicos a campaña publicada o pasado día 30 de outubro de 2015 e que as facturas sexan remitidas ao Partido popular dado que o seu contido corresponde á campaña electoral do PP ante o proceso político de Cataluña.
A parlamentaria explicou que nos medios de comunicación de Galiza foi publicada unha páxina enteira de publicidade institucional baixo o titulo: Declaración institucional en defensa do Estado das Autonomías, que ao seu xuízo, non responde a ningunha información relevante sobre o funcionamento da administración galega ou dos servizos públicos galegos, máis ben, afirmou, obedece a exteriorización da posición do Partido popular no proceso político de Cataluña e enmarcada no discurso de campaña do PP.
Voto en contra do PP e abstención do PSOE á proposta nacionalista
O portavoz do Partido popular, Agustín Baamonde enmarcou a declaración institucional da Xunta dentro do secesionismo catalán e a proposta de independencia fora do marco legal o que xustifica plenamente a declaración do Goberno galego. Baamonde anunciou o seu voto contrario á iniciativa nacionalista á que se sumou a abstención do portavoz socialista Méndez Romeu.
Na réplica, a deputada lamentou a posición do PP e PSOE e manifestou que a declaración institucional é unha posición partidaria do Partido popular que non debe ser financiada con cartos públicos. O documento, dixo, ten rigor histórico cero, intelectual ningún e xurídico e de respecto pola convivencia e polos dereitos da cidadanía, bastante cuestionábel, concluíu.
A Xunta non se pronuncia sobre a negociación colectiva e reposición do artigo 19 para recuperar os dereitos dos traballadores sociais
Por outra parte, na mesma comisión a deputada formulou unha pregunta sobre a negociación para devolver os dereitos sociais e laborais do sector público anunciado polo conselleiro de Facenda.
Tras a intervención do director xeral de Función pública, a deputada criticou o triunfalismo sobre a prontitude coa que a Xunta de Galiza devolve os seus dereitos as traballadores, que ao seu entender, non se corresponde coa percepción dos traballadores do sector público galego. Neste sentido, explicou que o Comité Intercentros da Xunta consideran insuficientes as medias adoptadas porque continúan sendo vulnerados os seus dereitos.
Vostede, dixo a deputada, non respondeu sobre o dereito a negociación colectiva do persoal laboral nin sobre a reposición do artigo 19 que afecta a traballadores da consellaría de Política social que desenvolven a súa actividade en residencias e centros de menores pero tamén aos familiares dos usuarios/as que están a constar como a falta de persoal incide na atención das persoas ingresadas.
Finalmente, a deputada criticou as afirmacións do director xeral que baseou todos os recortes nunha crise económica sen precedentes pero a tenor dos actuais discursos do goberno, inquiriu a deputada, recalcando que estaríamos ante a recuperación non se pode entender que agora existan tantas dificultades para a recuperación deses dereitos polo que reiterou a pregunta de cando van recuperar o dereito de negociación colectiva e a reposición do artigo 19.