Tereixa Paz rexeita que os concellos deban asumir a loita contra o lume

A deputada indicou que sindicatos, propietarios forestais e organización profesionais amosaron a súa oposición ao   modelo de brigadas municipais   pola súa “ineficacia e ineficiencia”

Tereixa Paz

Tereixa Paz reclamou hoxe, a través dunha Proposición non de lei, realizar un “exhaustivo” seguimento do proceso de contratacións, nos concellos, para as brigadas municipais de prevención e defensa contra os incendios.

Na súa intervención, a nacionalista alertou do inicio do período de “temporada alta” de aparición de incendios e lembrou que hai quince días xa se produciu un episodio que mesmo obrigou á consellería a prohibir todas as queimas.

A parlamentaria denuncio que a día de hoxe, non foi iniciado o despregamento do dispositivo adicional de incendios forestais para a campaña 2014, e máis, engadiu, os compromisos asumidos pola titular da consellería, en sede parlamentar, sobre a reposición de efectivos nas brigadas fixas descontinuas da Xunta, “prazas contempladas nas RPTs” e orzamentadas, aínda non se efectivizaron.

A nacionalista cualificou de “aberrante” que a Xunta non transferira a partida para o mantemento dos grupos de emerxencias supramunicipais, circunstancia que obriga aos concellos a asumir a súa viabilidade. Por outra parte, salientou que os alcaldes néganse a que estes grupos actúen fora do termino municipal.

Tereixa Paz na Comisión de Agricultura

Sobre a contratación de persoal, a parlamentaria do BNG asegurou que moitas das brigadas non contan con persoal suficientemente formado nin en condicións adecuadas para desenvolver o seu traballo polo que pediu cumprir a lei sobre nesta materia para respectar “a capacidade, mérito e igualdade” na contratación.

“A Xunta deriva a responsabilidade aos concellos e estes, subcontratan con empresas”. O resultado na temporada pasada foi de “caos” e deuse mesmo o caso de producirse un incendio ao que no acudiu a brigada por estar “limpando o campo da festa” por orde do alcalde de turno, por certo, do Partido popular.

“Se a climatoloxía deixa de acompañarnos, o risco de incendios é moi alto” ao que temos que sumar a ausencia de operatividade dos dispositivos, concluíu.

A Proposición non de lei defendida por Tereixa Paz foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG