A parlamentaria denunciou que a modificación potenciará aos grupos maioritarios na Cámara galega
Pleno.- A deputada do BNG, Tereixa Paz lembrou que tras o anuncio do PP de acometer 50 medidas para a rexeneración democrática e contra a corrupción en 50 días, pasados seis meses, comprobamos que aquel anuncio vai camiño de converterse nas 50 sombras da fraude á democracia no noso país.
A reforma do regulamento do Parlamento, debatida hoxe en sesión plenaria, dixo, constitúe auténticos golpes á democracia e segue no camiño de recortar dereitos aos deputados e deputadas. A nacionalista lembrou que o BNG sempre defendeu dotar o regulamento de instrumentos que plasmen máis e mellor o pluralismo político existente na sociedade e fuxindo de potenciar exclusivamente as posicións dos partidos maioritarios.
Na súa intervención, reclamou unha modificación do regulamento máis áxil e con maior resposta á cidadanía, transparencia no Parlamento e máis participación da cidadanía, de forma directa na Cámara galega.
A deputada anunciou o voto en contra do BNG a Proposición de lei defendida polo PP e PSOE porque xa no debate de toma de consideración desta proposta o Partido popular utilizaría a ocasión brindada polo Partido socialista para eliminar de iure os dereitos democráticos que xa tiña eliminado de fato.
O Partido popular amordaza o Parlamento galego co apoio do PSdG
A parlamentaria asegurou que ao PP non lle tremaría a man para dar un paso máis na anulación do noso país e con esta iniciativa, afirmou, o Goberno evidencia que lle sobran institucións como o Parlamento, máxima expresión da soberanía do pobo galego. Paz recalcou que o PP, a través desta modificación, conseguirá amordazar o Parlamento e convertelo nunha terminal da Xunta de Galiza.
Tamén criticou algunhas das novas medidas da reforma entre as que destacou: a participación da cidadanía que cualificou de fogos de artificio por reclamar 2.500 sinaturas para tramitar unha proposición non de lei que no caso de ser aprobada, explicou, o Goberno non ten obriga de cumprila.
Isto é, dixo, unha tomadura de pelo a toda a cidadanía que deberá recoller ese número de sinaturas para que no mellor dos casos algún grupo queira defendela e que finalmente ficará nunha das gabetas da directora xeral de Relacións co Parlamento.
Por outra parte, apelou á xenerosidade do PP para aceptar a emenda nacionalista que propón a introdución dun novo artigo, 48 Bis, para dar a oportunidade á cidadanía a defender as súas propostas na Cámara galega e controlar ao Goberno a través dunha comisión cidadá así como regular a situación dos deputados e deputadas non adscrit@s, como medida para penalizar o transfuguismo ou posibles mocións de censura, modificación que non foi aceptada.
A reforma do regulamento busca potenciar aos grupos maioritarios
Para o BNG dixo, o máis relevante da reforma é o recorte de dereitos dos grupos parlamentarios potenciando o papel dos grupos maioritarios. A única forma de garantir a democracia, afirmou, é que todos os grupos teñan a mesma capacidade de iniciativa e de control sobre o goberno.
A deputada anunciou o voto en contra do BNG á reforma do Regulamento porque, a partir de agora, o Partido popular non temerá que o Tribunal Constitucional anula a disposición no recorte dos dereitos da cidadanía e a mordaza aos grupos parlamentarios. É impresentábel negar a posibilidade a todos os grupos formular unha pregunta ao Presidente en sesión plenaria. Esta regulación, recalcou, deixa en papel mollado o acordo para formular dúas preguntas por grupo ao Goberno, a cambio, o PP fai o paripé de crear unha comisión de investigación pero na práctica será imposible unha comisión para investigar o accidente de Angrois.