Sobe a bolsa e baixan as pensións, a cobertura sanitaria e os salarios

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, afirmou en Pontevedra que onte se confirmaron todos os agoiros dos que veu advertindo durante a semana, confírmouse o segundo rescate a España mais supeditado a condicións "moi estrictas, que até o propio Dragui asegurou que non se podía chamar rescate brando".

"Hai euforia coa suba das bolsas -dixo- pero van baixar as pensións, a cobertura sanitaria e os salarios. O BNG non se euforiza con esta suba porque a nós o quemáis nos preocupa é o futuro das maiorías sociais, que van sofrer outro paquete de medidas moi duras".

O BNG non se euforiza coa suba da bolsa porque lle preocupa máis o futuro das maiorías sociais que o das empresas que cotizan no IBEX 35

Neste sentido, ironizando co programa "Teño unha pregunta para vostede", emprazou a Rajoy a que resposte cal vai ser ese "momento" no que vai baixar as pensións, "logo das eleccións do 21 de Outubro?".

Feijóo ten que dar a cara

Asemade, explicou que tamén Feijóo ten que dicir se está dacordo con que no País onde hai as pensións máis baixas e a porcentaxe máis alta de pensionistas estas se vaian reducir ou vaia haber que pagar por probas como as mamografías.

"Feijóo elude sempre responder cando se trata dos problemas da xente -lamentou- pero agora ten que responder, o PP ten que aclarar o programa de recortes brutais que van acompañar o segundo rescate e Feijóo ten que dicir se está dacorco con eles".

Coalición con Baltar

Jorquera criticou a incapacidade de Feijóo para o diálogo e para dar a cara e puxo como exemplo como onte esquivou aos afectados polas fraude das preferentes cando se dirixía a negociar "a súa coalición electoral con Baltar".

Feijóo ten que dicir se está dacordo con baixar as pensións e coa proposta de Cospedal de que só os ricos poidan estar nas institucións

Cospedal

Para o candidato do BNG, os galegos e galegas tamén deben coñecer o posicionamento do actual presidente da Xunta sobre a proposta de Cospedal de que os deputados non cobren e ironizou preguntándose se a presidenta de Castela a Mancha consultou a dita proposta "con Collarte".

"A señora de Cospedal debera deixarse de medias tintas e dicir realmente o que pensa, que é mellor disolver as institucións, que unha dictadura é moito máis barata. Suscribe Feijóo esta postura?".

Feijóo fuxe dos afectados pola fraude das preferentes mentres vai negociar a súa coalición electoral con Baltar

Jorquera advertiu que o PP está inmerso nunha campaña de devaluar a democracia e "aspira a que só os ricos poidan estar nas institucións", unha postura que cualificou de impúdica e inmoral toda vez que, ademais, vén dunha persoa como Cospedal que chegou a cobrar tres salarios, sumando uns ingresos superiores aos do presidente do Goberno.

O candidato nacionalista pediu que non se faga demagoxia con este tema e defendeu uns salarios austeros para os parlamentares, acordes coa súa responsabilidade política, pero para que "curren, non como os deputados do PP, que unha vez conseguido o escano só se adican a avalar políticas lesivas para os cidadáns que os elixiron".

Comercio

Jorquera fixo estas declaracións nunha rolda de prensa posterior a un encontro con representantes do pequeno comercio de Pontevedra, cos que se comprometeu a que o BNG traballará para derrogar o decreto de liberalización de horarios comerciais; limitar a implantación de novas grandes áreas comerciais; desenvolver unha campaña de promoción do consumo de produtos galegos e promover políticas de posta en valor do pequeno comercio.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG