Só o BNG leva os problemas de Galiza ao Pleno de debate de resolucións

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada do BNG, Rosana Pérez, rexistraron as propostas de resolución con motivo do Debate de Política Xeral celebrado esta semana.

Das 105 propostas de resolución presentadas por todos os grupos, só o BNG leva resolucións sobre os problemas e a defensa dos intereses de Galiza. Ademáis, de presentar resolucións sobre cuestións sociais, paro, sistema público e a necesaria reforma constitucional para garantir o dereito a decidir dos pobos do Estado e empezar o debate en torno á institución da Coroa.

É a segunda parte do Debate de Política Xeral que terá lugar mañá martes 26 de febreiro a partir das 16 horas, sesión que a portavoz do BNG, Olaia Fernández Davila, aproveitará para, máis unha vez, peder a demisión do Goberno debido aos escándalos de corrupción en torno ao PP.

A resolución sobre Galiza:

En primeiro termo, o BNG traslada ao Pleno a defensa dos intereses de Galiza que pasa pola demanda de medidas para defender o futuro dos sectores productivos estratéxicos como son o sector naval, o pesqueiro, o lácteo, e as grandes infraestructuras aínda pendentes.

Neste sentido, as parlamentares nacionalistas piden un Plan de Actuación específico para impulsar o sector naval que contemple a construcción dun dique flotante nos estaleiros públicos de Navantia na Ría de Ferrol, o levantamento do veto sobre Navantia Fene, a presenza do sector na axenda exterior do Goberno para lograr contratos de buques, o desbloqueo das cuestións pendentes para poder aplicar o Tax Lease e a clarificación dos contratos con PEMEX.

No relativa á pesca, o BNG demanda ao Goberno a revisión do reparto das cotas por parte do Goberno para que se aumenten as posibilidades de captura para a frota de baixura. Así como a solicitude de medidas de presión na UE pola exclusión da frota galega do Acordo de Pesca UE-Mauritania.

Respeito ao sector lácteo, as nacionalistas galegas piden medidas que garantan un prezo en orixe do leite que sexa superior aos custes de producción.

En materia de infraestructuras, o BNG insta ao Goberno a reactivar as obras de construcción da A-54, Lugo-Santiago, non rebaixar a alta velocidade no tramo de entrada a Ourense, e negociar con AUDASA un auténtico programa de descontos a aplicar en todos os tramos da AP-9.

A resolución sobre medidas sociais, económicas, financiamento autonómico e reforma constitucional:

As deputadas do BNG demandan ao Goberno a derogación da reforma laboral “debido ao seu manifesto fracaso”, a derogación íntegra do Real Decreto que estabelece as taxas xudiciais e o Real Decreto do copago farmacéutico e recortes en sanidade porque “van en contra dos cidadáns”.

Demandan unha dotación orzamentaria a traspasar ás CC.AA para aumentar o gasto en sanidade, educación, servizos sociais e Dependencia. Solicitan un Plan de Emprego a elaborar en coordenación coas CC.AA, e a modificación da Lei Hipotecaria en base á ILP que se vai tramitar no Congreso no tema dos desafiuzamentos. Non esquecen ás vítimas das preferentes, e emprazan ao Executivo a promover un mecanismo que garanta neste ano a devolución íntegra dos aforros ás persoas estafadas.

Reclaman as deputadas do BNG a revalorización do poder adquisitivo das pensións no segundo semestre deste ano 2013.

Na cuestión da soberanía financeira, instan ao Goberno a avanzar na descentralización dos tributos para que Galiza teña unha Axencia Tributaria propia.

No capítulo constitucional, as parlamentares do BNG piden a apertura dun proceso de diálogo con todas as forzas políticas para acometer a “necesaria reforma da Constitución, partindo da realidade plurinacional e do recoñecemento da soberanía das nacións do Estado”. Ademáis, demandan que “se aborde o debate sobre a situación da Coroa”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG