O sector agrario galego precisa doutra PAC

Propón un fondo que compense aos gandeiros pola supresión do sistema de cotas en 2015 e valora que se manteñan os dereitos de plantación de viñedos ata 2030

Advirte do risco de que o Goberno central acapare os recursos do FEADER para desenvolvemento rural en detrimento de Galiza

O BNG votou en contra do paquete lexislativo da Política Agraria Común (PAC) 2014-2020 aprobado hoxe polo Plenario da Eurocámara por considerar que mantén un sistema de reparto "inxusto" das axudas directas que prexudica ao sector agrario galego.

"Hai avances, pero son insuficientes, de tal xeito que pouco máis do 20% de todas as explotacións agrogandeiras da UE acapara o 80% das subvencións directas da PAC, nunha distribución que segue a premiar aos grandes latifundios, aos grandes rendistas e as grandes multinacionais", argumentou a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda.

O voto negativo afecta aos catro documentos que conforman a PAC: pagos directos, OCM dos produtos agrogandeiros, desenvolvemento rural e control da xestión financeira dos fondos.

En relación ao documento dos pagos directos (Informe Capoulas I), o BNG considera "inasumible" que se manteñan axudas de ata 300.000 € por explotación, cando a proposta nacionalista era pór un límite máximo de 100.000 e un mínimo de 20.000 €, "en aras dunha distribución máis equitativa, que favoreza ás pequenas e medianas explotacións como as galegas", salienta Miranda.

Igualmente, a PAC mantén as axudas ligadas ao número de hectáreas da explotación pero non á actividade agraria, "outro elemento penalizador para o noso sector", e persisten as grandes diferencias nas subvencións que reciben cada agricultor por Estado que no caso galego "están moi por debaixo da media da UE".

Dereitos de leite, papel mollado

No referente ao documento da OCM (Informe Dantin), o voto negativo obedece á supresión do sistema de cotas lácteas o 31 de marzo de 2015, toda vez que a maioría da Eurocámara rexeitou as emendas asinadas polo BNG solicitando a prórroga ata 2020.

Confirmada a desaparición das cotas, o BNG propón un fondo compensatorio. "A dotación dese fondo debe negociarse co sector leiteiro e ter a dobre función de compensar ás explotacións que se endebedaron para comprar dereitos de cota que xa non terán ningún valor e corrixir a inestabilidade dos prezos do leite que en Galiza están por debaixo da media estatal e, con frecuencia, por debaixo dos custes de produción", alega Miranda.

FEADER, xestión galega

En canto ao documento de desenvolvemento rural (Informe Capoulas II), o BNG obxecta a "centralización" dos fondos do FEADER. "O Goberno galego ten que ser quen faga un plan de desenvolvemento rural específico para Galiza e o Estado limitarse a transferir os orzamentos territorializados que nos correspondan. Ninguén mellor ca nós para saber as necesidades do noso medio rural", explica Miranda.

Sen embargo, a PAC permite facer plans estatais de desenvolvemento rural "co que o Estado pode acaparar os fondos e distribuílos como considere, gastando en regadíos, por pór un exemplo, en detrimento da resolución de problemas do sector agrogandeiro galego", argumenta.

Viñedos ata 2030

A Política Agraria Común 2014-2020 ten aspectos positivos aínda que insuficientes para recibir o apoio da formación nacionalista. Un deles é a permanencia dos dereitos de plantación de viñedos ata 2030, "que asegura unha produción de calidade e de man de obra intensiva para o sector vitivinícola galego, e o protexe de que empresas foráneas acaparen hectáreas para plantación de uva para un produto de escaso valor engadido e con menor emprego”, salienta.

Miranda tamén salienta como positivo que un 30% das axudas directas se destinen a unha agricultura "verde e sustentable" como a galega e que os mozos que se incorporan ao sector reciban un 25% máis de subvencións durante dous anos.

"Esperábamos unha PAC máis xusta, máis sustentable desde o ponto de vista medioambiental, que fixe poboación ao territoritori e con garantías de rendas xustas para agricultor@s e gandeir@s que son, finalmente, os que nos dotan de alimentos de calidade e deben ver recompensado o seu traballo", conclúe a eurodeputada.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG