Rubén Cela demana a dimisión xa do alcalde de Santiago para restaurar a confianza da cidadanía

O BNG demanda a convocatoria do Pleno de Debate de Estado do Concello porque a s situación que vive o Concello de Santiago é insostíbel logo do lamentábel espectáculo ofrecido neste ano e medio polo Goberno local do PP”

O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, insistiu en rolda de prensa na petición de dimisión do alcalde de Santiago imputado por un presunto delito de tráfico de influencias na operación Pokemon, “por hixiene democrática, polo ben da imaxe pública de Santiago de Compostela, pola credibilidade deste Concello como institución e para que a súa defensa non interfira no seu labor como alcalde e viceversa”.

A dimisión non implica autoinculpación, afirmou, implica un acto de responsabilidade política, “o determinante á hora de demandarlle a súa dimisión ao alcalde non é o feito en si da imputación, nin moito menos de que se lle apliquen medidas cautelares, o determinante é o motivo desa imputación, a alarma social que crea e a desconfianza que lle produce ao conxunto da cidadanía”.

Confianza da cidadanía

“Dende o BNG cremos que a situación que se vive neste Concello é absolutamente insostíbel despois do lamentábel espectáculo ofrecido neste ano e medio por parte do PP que xera desconfianza da veciñanza cara ás persoas que ostentan cargos de representación pública, cara ao funcionamento das institucións públicas e cara ao deterioro da imaxe de Santiago de Compostela”, indicou o portavoz nacionalista.

Ademais, engadiu que o acontecido lle afecta ao funcionamento ordinario do Concello de Santiago e “resulta evidente que o grupo de Goberno non está centrado en atender as súas responsabilidades e en procurarlle solucións aos problemas da cidade senón en resolver este tipo de asuntos e nas liortas internas xa nin disimuladas”.

Clareza

O BNG demanda, polo tanto, a dimisión inmediata do alcalde de Santiago para restaurar “a plena confianza nos seus representantes” e esixe a celebración neste mes de xaneiro do Pleno do Debate de Estado do Concello “que, cada vez resulta máis evidente por que non se convoca, co obxectivo de cumprir o regulamento que determina que debe haber tres por mandato municipal e tal como están as cousas non se lle pode furtar ese debate á cidadanía”, indicou Rubén Cela.

No plano xudicial, o portavoz nacionalista requiriu tamén que este caso se resolva “canto antes e coa maior clareza posíbel”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG