Rosana Pérez pregunta ao Goberno que vai facer ante a UE para levantar o veto sobre Navantia Fene

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara para preguntarlle ao Goberno de Rajoy que xestións vai realizar ante a UE para levantar o veto que pesa sobre Navantia Fene para construir buques civís.

Rosana Pérez utiliza a ironía para preguntar ao Executivo: “Por que se conclúe despois de máis dun ano de Goberno que é necesario demandar á UE o levantamento do veto sobre este estaleiro público? Por que non se plantexou desde o inicio de lexislatura? Cando vai o Goberno a trasladar á UE este tema?”.

A deputada do BNG alude á xunta do pasado luns entre o presidente e conselleiro delegado de Navantia, e o Presidente da SEPI en A Coruña, con alcaldes da comarca de Ferrolterra e algúns representantes dos comités de empresa dos dous centros de Navantia na Ría de Ferrol.

Sorprende que agora “se chegue a esta conclusión”

Pón de manifesto que o “BNG leva anos, moitos anos, demandando aos distintos Goberno centrais do PP e do PSOE o levantamento do veto que pesa sobre Navantia Fene para construir buques civís. E ao termo da xunta escoitamos que hai que intentar renegociar na UE o veto que limita a construcción civil e intentar lograr a construcción do dique flotante, outra das demandas que o BNG leva tempo plantexando ao Goberno nas súas diversas iniciativas”.

A deputada do BNG advertiu desde o primeiro momento no que se dictou o veto que “iso suporía o valdeiramento das gradas deste importante estaleiro público, e que mermaría significativamente o futuro por limitar a carga de traballo ao ámbito militar, actualmente de capa caída debido á crise económica. O feito de cercar o camiño a Navantia Fene foi o inicio dos graves problemas que sofren os estaleiros públicos de Navantia na Ría de Ferrol, e abriu a porta das posibilidades a estaleiros doutros países da UE”.

Rosana Pérez amósase sorprendida que “despois de que os traballadores de Navantia, a sociedade de Ferrolterra e organizacións políticas e sociais, levemos anos clamando no deserto, por fin o se chegue ao grande problema: a necesidade de levantar o veto. Hai que perguntarse por que agora sí e antes non”.

O dique flotante é unha prioridade

Tamén fai referencia ao dique flotante para salientar o incumprimento das promesas do Goberno, e ao silenzo do Ministro de Facenda na sesión de control do 13 de febreiro que, a pregunta do BNG, “non aludiu en ningún momento a esta infraestructura”. Razón pola que dirixe ao Goberno unha serie de preguntas:

“A que se deben os cambios de posición do Goberno en relación ao dique flotante? Está dispuesto o Goberno a non descartar por completo o dique? Cais son os argumentos reais para non levar a cabo o dique flotante? Débese unicamente a que poderían ser consideradas axudas estatais por parte da UE ou se debe a outros motivos? En base a que argumentos considerou o Goberno que a construcción do dique sería considerado como axudas ilegais por parte da UE?”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG