Rosana Pérez pide a demisión de Wert e a retirada da reforma educativa

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, dixo esta tarde ao Ministro de Educación, José Ignacio Werta, que o “seu proxecto de reforma educativa non ten outra saída que a retirada, e a súa actuación neste proceso é razón suficiente para que dimita”.

O titular de Educación comparecía no Congreso esta tarde a solicitude do BNG para dar conta do polémico proxecto de reforma educativa. A deputada do BNG, após de escoitar ao Ministro, deixou clara a rotunda oposición do BNG á reforma educativa de Wert.

O único diálogo que lle importou foi o que mantivo cos Bispos

“Vosté agora pide acordo e consenso cando non o procurou en todo o tempo. Moi ao contrario, coas súas prepotentes declaracións aumentou a crispación e o confronto. E o único diálogo que lle importou foi o que mantivo cos Bispos”, afirmou Rosana Pérez.

“Arrasan os servizos públicos para poñelos aos servizo das súas empresas”

O BNG, enfatizou, defende un ensino público e de calidade, respeitoso coas competencias autonómicas e a realidade plurilingüística e cultural, e un ensino laico. Vosté vai precisamente na dirección contraria”. Reprochou ao Ministro que favoreza aínda máis o ensino privado concertado dentro da “estratexia do PP de arrasar os servizos públicos fundamentais para poñelos ao servizo das súas empresas e amigos”.

Rosana Pérez criticou duramente que “admitan os concertos con centros que segregan por sexo, a maioría do Opus Dei”. “Estabelecen bases confesionais. É evidente o protagonismo da Conferencia Episcopal e a importanza que lle dan a asinatura de relixión”.

Para a deputada do BNG “o seu proxecto non ten outra saída que a retirada, e a súa actuación no proceso de elaboración debería ser razón suficiente para a súa demisión”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG