Rosana Pérez nunha rolda de prensa con ERC e Amaiur critica a recentralización da reforma local

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, afirmou hoxe en rolda de prensa conxunta con ERC e Amaiur que “Rajoy acudirá mañá a comparecer tarde, mal e arrastro e obrigado pola presión social e política”.

Rosana Pérez engadiu que “non cremos que Rajoy vaia aportar nada novidoso mañá, e moito menos que vaia falar con claridade” en relación á corrupción e o financiamento ilegal do PP. “É ineludíbel que o Presidente do Goberno español dea a cara, deixe de agocharse e dea explicacións”. A deputada do BNG sinalou que “a corrupción e o financiamento ilegal do PP non é algo novo, é consecuencia do esgotamento dun sistema derivado do bipartidismo, o sistema da alternancia de partidos”.

A parlamentar nacionalista comezou a conferencia de prensa no Congreso con ERC e Amaiur, expresando as condolencias do BNG ás familias das vítimas do sinistro de tren en Galiza.Deu os parabéns aos efectivos de servizos públicos porque “nunha catástrofe como a vivida se demostrou a importanza dos servizos públicos, tanto do eido sanitario como das emerxencias”. Agradeceu aos veciños de Angrois o seu comportamento porque “sen a súa axuda a traxedia tería sido pior”.

Recentralización do Estado

Rosana Pérez salientou o “enorme retroceso democrático que se produciu no último ano e medio, unha importante regresión nos dereitos individuais e colectivos. A comparecencia de Rajoy é necesaria por hixiene democrática pero non vai servir para solucionar os graves problemas que sofre o Estado español, problemas de fondo. Un deles a negación dos dereitos das nacións do Estado”, en alusión a Galiza, Catalunya e Euskadi.

A parlamentar nacionalista criticou a recentralización de competencias que está a realizar o PP e o aproveitamento de Reais Decretos para restar competencias autonómicas. Nesa liña, fixo especial mención á LOMCE e ao proxecto de Reforma da Administración Local, “que só pretende manter a estructura centralista como son as deputacións e quitar competencias aos concellos”.

Rosana Pérez enfatizou a necesidade de avanzar cara unha verdadeira democracia: “O estado español precisa unha auténtica democracia, que incremente a participación cidadán, e como forza nacionalista consideramos imprescindíbel que haxa un recoñecemento das nacións do estado, un recoñecemento dos seus dereitos políticos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG