parlamento galego

Rosana Pérez: “Non fiemos todo ao Fondo de compensación para salvar o fiasco do Brexit sobre a pesca galega”

Rosana Pérez
Rosana Pérez

A deputada criticou a “submisión da Xunta” e demandou  a presenza das forzas políticas parlamentarias  no Consello Galego da Pesca

Afirma que o sector da pesca galega leva en “modo Brexit” dende o ano 86 e pide revisar o principio de estabilidade relativa para un reparto máis equitativo e axustado á produtividade de cada país

A portavoz en materia de pesca do BNG, Rosana Pérez instou hoxe á Xunta a iniciar os trámites  diante do goberno do Estado para o recoñecemento de Galiza como “zona altamente dependente da pesca”, demandar xestións para promover a revisión do chamado “principio de estabilidade relativa” cara  un  reparto equitativo e axustado ás capacidades produtivas de cada país, instar ao goberno do Estado ao recoñecemento da capacidade directa de negociación de Galiza e da  súa participación e consentimento naquelas cuestións de especial relevancia para a súa economía, nomeadamente en materia pesqueira, programar plans de continxencia e de apoio económico e social para o sector pesqueiro e as zonas máis afectadas polo recente acordo entre a UE  co fin de paliar  as consecuencias puntuais máis inmediatas do mesmo, promover unha  comisión no parlamento galego sobre o acordo e dar cabida as forzas políticas con representación parlamentaria no Consello galego de Pesca onde se abordan as consecuencias do Brexit para o sector pesqueiro galego.

Os puntos 1,2,3 e 4 da proposición non de lei defendida pola deputada nacionalista acadaron o apoio da Cámara, agás os puntos 5 e 6 relativos a crear unha comisión parlamentaria sobre o Brexit e incorporar a un ou unha representante  das forzas políticas parlamentarias, ambos puntos  rexeitados polo grupo maioritario do Partido popular.

Na súa intervención, Rosana Pérez recalcou que o sector da pesca galega leva “en modo Brexit” dende o ano 86 e apelou “ a non fiar todo ao Fondo de Compensación para salvar “o fiasco” para a pesca galega por mor do acordo da UE co Reino Unido.

Tras a intervención da portavoz  popular, Teresa Egerique, a nacionalista criticou “a submisión” do PP ás directrices da Unión europea e lembrou a frase da  conselleira de Mar, afirmando que  “vai a ver que pensar en fixar unha cota mínima de pescadores para garantir a súa sostibilidade”. A nacionalista afeou  a tibieza do grupo parlamentario do Partido popular á hora de votar a iniciativa do BNG. Vostedes, dixo,  votarán a favor de todos os puntos relativos ás demandas a outras administracións pero o punto seis, dedicado a exercer as competencias galegas, “aí non me lo toquen”, ironizou.

O PP, remarcou Rosa Pérez  supera  á Unión europea no  principio de estabilidade relativa. Por outra banda, engadiu que  ter presenza  no Consello Galego de pesca,  non é “ningún favor que nos faría o goberno galego” está recollido no propio decreto  e respondeulle  á  portavoz  popular que demandar a presenza das forzas políticas no consello non obedece á intención de querer  intrumentalizalo como previamente afirmara Teresa Egerique. O  único que instrumentaliza o Consello Galego de Pesca é “o goberno galego” que dirixe as decisións deste organismo.

A parlamentaria  salientou que a proposta do BNG foi elaborada con tempo, seriedade e  o rigor que merece o asunto. “Non é unha enumeración de acordos conxunturais para poñer parches nun barco que fai augas por todos os lados”, é unha proposta para defender o sector da pesca galega e  lamentou que o Partido popular, unha vez máis, impedira que prospera a iniciativa nacionalista na súa totalidade.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG