parlamento galego

Pontón: “O balance dos cen días demostran que o goberno de Rueda é o campión da propaganda”

Ana Pontón
Ana Pontón

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou que o balance dos cen primeiros días do Executivo do Partido Popular deixan como conclusión que “o goberno de Rueda é o campión da propaganda”, o que quedou constatado no acto “triunfalista e compracente” organizado para conseguir titulares e unha “publireportaxe na TVG”, no que a falta de realizacións se intenta tapar con anuncios e inconcrecións. “Moito ruído e poucas noces”, sintetizou a líder do BNG.

Fora da posta en escena para as fotos, a realidade é que estamos ante un goberno do Partido Popular “rutineiro, instalado na propaganda e nos anuncios, que sigue desmantelando os servizos públicos, que en lugar de aportar solucións busca culpables e que goberna para os grandes lobbies e as empresas amigas do PP, totalmente submiso a estratexia que lle marcan desde Madrid”, alegou a portavoz nacional.

O propio comunicado de prensa oficial, cheo de xeneralidades, indica a falta de contido real na acción de goberno nestes cen primeiros días, limitándose a unha enumeración de supostas medias de “impulso” tentando facer pasar por feitos o que na maioría dos casos só son anuncios ou meras propostas sobre o papel.

“O mesmo goberno que non fixo nada en materia de vivenda pública ou de residencias públicas en quince anos, pretende agora trasladar a falacia de que vai resolver o problema en cen días”, denuncia Pontón, quen tamén considera inaudito que o xefe do Executivo presuma de impulsar plans directores para sectores industriais estratéxicos, que levan anos perdendo emprego, riqueza e oportunidades pola inacción do goberno do PP. “Dicir que vas impulsar o que xa tería que estar executado é unha proba máis de que o Goberno de Rueda non ten proxecto de país”, alegou.

Estamos ante un goberno que tapa con anuncios e propaganda a súa incapacidade para atender os problemas reais dos galegos e das galegas, por exemplo en materia de vivenda, recalcou a portavoz nacional do Bloque. “Hoxe acceder a unha vivenda é misión imposible para miles de persoas, para a xente moza, pero tamén para as familias con menos recursos, tras quince anos nos que o Partido Popular abandonou por completo a política social de vivenda. A resposta do PP é a propaganda: anunciar a construción de 20.000 vivendas, 4.000 da Xunta para esta lexislatura a sabendas de que é un engano”, lamentou.

Os cen primeiros días tamén retratan a un goberno do PP que sigue desmantelando os servizos públicos, por exemplo na sanidade pública. “Un verán máis con peche de camas, con recorte de médicos e medicas nos centros de saúde, onde os cadros de persoal están xa baixo mínimos. Seguimos con miles de nenos e nenas sen pediatra asinado, cunha atención primaria colapsada, na que se da como normal listas de espera de até dúas semanas”, criticou Pontón.

E tamén nos deixan a foto dun Executivo que goberna para os lobbies, para as multinacionais e para as empresas amigas do PP, aínda que iso supoña poñer en risco o medio de vida de miles de familias e sectores produtivos estratéxicos.

“Un goberno que se pon do lado dunha multinacional canadiense para reabrir a mina de Touro, e que se pon de parte da multinacional portuguesa ALTRI impulsando unha macro celulosa no corazón do País, dúas bombas contaminantes que supoñen un risco certo capaz de liquidar o marisqueo na ría de Arousa. As multinacionais por riba da xente do mar e do rural”, denuncia a líder do BNG.

Finalmente, o balance destes cen primeiros días confirman un goberno de Rueda totalmente refén e submiso do PP de Madrid, entregado á estratexia e ás instrucións que lle chegan desde a rúa Génova, aínda que iso supoña ir en contra dos intereses do País. Por exemplo, en debates estratéxicos como a negociación dun novo modelo de financiamento, no que o Executivo de Rueda en lugar de defender un sistema xusto que poña fin a discriminación, asume o argumentario centralista e o falso discurso de que Galiza é pobre e non se pode valer por si mesma, debilitando a nosa posición negociadora ante o Estado.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG