Rosana Pérez demanda á Ana Pastor a creación dunha Comisión de Investigación parlamentar

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, demandou á Ministra de Fomento que hoxe comparecía na Cámara, que apoie a solicitude de creación dunha Comisión de Investigación no Congreso, presentada polo BNG.

Na súa intervención, lembrou a deputada do BNG o accidente no metro de Valencia do ano 2006 onde morreron 46 persoas. “Daquela se falou de exceso de velocidade e do maquinista como único responsábel. Ocultáronse importantes fallos na estrutura dos trens e nas vías. Pero houbo que voltar a reabrir a investigación”.

Críticas ás presas por sinalar ao maquinista como culpábel

“Non queremos que isto suceda outra vez, e que ninguén se agoche tras a traxedia para non dar todas as explicacións que os galegos e as galegas merecen”, afirmou Rosana Pérez, quen demandou á Ministra de Fomento “toda a vontade política para que se esclareza o que pasou”. Reprochou a deputada do BNG as presas por sinalar un culpábel: “houbo moita presa por apuntar ao exceso de velocidade e ao maquinista como único responsábel. E moitísima presa á hora de indicar que o lugar no que se produciu o accidente non era de alta velocidade”.

Nesa liña, aludiu á rolda de prensa tres días após do sinistro, na que o Ministro de Interior “case se xactou de que o maquinista estaba detido, e o Señor Feijoó denunciaba que grupos estranxeiros querían usar a catástrofe para que empresas españolas non lograsen contratos de AVE, e deixou claro que non era estrictamente o tramo de alta velocidade”.

Rosana Pérez criticou que desde o inicio se procurase descansar toda a responsabilidade no fallo humano. Mencionou as críticas feitas por un grupo de maquinistas o 26 de xullo, criticando o trazado da vía e subliñando que a curva de A Grandeira era un punto negro. Tamén citou as palabras do presidente de Adif quen se apresurou a dicir que “non hai tramo perigoso se se respeta a velocidade”. Outra vez, enfatizou a deputada do BNG, os argumentos de que non era alta velocidade. Puxo de relieve as incoherencias e contradiccións nese sentido, porque na inauguración en 2001 “se nos vendeu que era de alta velocidade. Máis, agora non o é”.

Sen ERTMS

En canto ás posíbeis causas do accidente, a deputada nacionalista dixo que “sabemos que o Alvia tiña que ter desacelerado e non o fixo. Está por determinar se o maquinista cometeu unha imprudencia, hai que aclaralo, máis, que non houbese un sistema de seguranza que obrigase a reducir a velocidade, é responsabilidade de alguén”, lembrando que as competencias exclusivas do Estado en materia ferroviaria. “Como por si só un erro humano pode provocar unha traxedia así? Quen debería pór os medios técnicos para blindar a liña de posíbeis erros humanos?”.

Outra cuestión que Rosana Pérez subliñou foi o feito de que se trate dun tramo no que se debe reducir a velocidade de maneira brusca e nun curto espazo. En canto aos sistemas de seguranza, rememorou o dito polo presidente de Renfe: de ter instalado o ERTMS se podía ter evitado o sinistro. Un sistema, sinalou, que esta instalado pero só operativo entre Madrid e Olmedo. “Renfe di que se quer instalar a última versión, cando? Canto máis temos que agardar?”. Salientou que no metro de Madrid non ahi un só centímetro de vía sen este sistema.

A parlamentar nacionalista formulou outras preguntas á Ministra: na zona do sinistro só operaba o ASFA analóxico, que funciona automaticamente cando se superan velocidades de 200 km por hora. “Descoñecemos cais eran os sistemas de seguranza que se recollían nos proxectos constructivos. Son ou non son os que se instalaron?”.

En canto ás medidas, Rosana Pérez aludiu ás enumeradas hoxe pola propia Ministra. “Vostede fixo un relatorio de novas medidas, moitas delas xa tiñan que estar operativas antes”.

Comisión de Investigación parlamentar e modificación da Comisión de Fomento

A deputada do BNG puxo enriba da mesa a necesidade de constituir unha Comisión de Investigación parlamentar, tal como presentou o BNG, e a necesidade de modificar a CIAF (Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios do Ministerio), outra das iniciativas presentadas polos nacionalistas galegos.

“Non só por facer xustiza e pola memoria dos falecidos, senón para evitar no futuro que se repitan sinistros desta envergadura. Hai que chegar até o final con respostas transparentes”. Por iso, recalcou, “consideramos oportuna a aprobación dunha Comisión de Investigación parlamentar e agardamos, dada a boa disponibilidade hoxe amosada por vostede, que o PP e o Goberno a apoien”.

E por outra, enfatizou, “pareceunos entender que ten disposición a modificar a composición e o sistema de actuación da Comisión de Fomento que se compón de 7 persoas nomeadas polo Ministerio. Unha comisión que rematou o mandato hai cinco meses. Sería unha boa mostra de vontade política aceitar modificala”.

A Oficina de Atención ás Vítimas na Galiza

Por último, a deputada do BNG criticou que a Oficina de Atención ás Vítimas da catástrofe se ubicase en Madrid cando “a maior parte dos afectados eran de Galiza”. “Agardamos que o Estado non nos trate como a un menor de idade, e debería crear a Oficina onde están a maioría dos afectados”.

En relación á actuación do delegado do Goberno, Rosana Pérez censurou o seu proceder. “Foi o primeiro e con moita presa en falar dun atentado. Alarmou a toda a poboación galega, e insistiu nese argumento a pesar de que o Ministro de Interior xa o desmentira”.

A última demanda do BNG é a relativa á necesidade de manter os servizos ferroviarios como un servizo público. “Os recortes e a liberalización empioran a calidade”

A deputada do BNG usou o Nunca Mais para sinalar que “sería imperdoábel que se repetise o sucedido no metro de Valencia, e sería absolutamente irresponsábel que se repetise o do Prestige, dez anos após non sabemos as causas. Por iso, máis que nunca, Nunca Mais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG