Rosana Pérez censura a lei do mercado de aluguer que crea o "desaloxo fulminante"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, defendeu que o acceso á vivenda é un dereito social básico pero que “cada vez é máis inaccesíbel para unha ampla maioría de cidadáns a pesar de que a vivenda é un recurso abundante na actual economía. Hai 3 millóns de vivendas valdeiras e un stock de novas vivendas sen vender de case 700.000”.

Mentras, cada vez un maior número de persoas, especialmente mocidade, “non poden acceder a unha vivenda, e nun escenario de aumento dos desafiuzamentos”. E ante este panorama, “o Goberno pretende dinamizar o arrendamento de vivendas através dunha reforma parcial que consiste en debilitar a posición dos inquilinos, mentras estimula fiscalmente ás empresas de investimento inmobiliario, ampliando as bonificacións fiscais. En lugar de favorecer a parte máis débil”.

A deputada do BNG ironizou co título do proxecto de lei: “flexibilización e fomento do mercado de aluguer” porque vai na dirección contraria.

“É a precarización do aluguer de vivendas para favorecer a propietarios e grandes grupos inmobiliarios”

A deputada do BNG denuncia un “retroceso gravísimo nas políticas de protección dos arrendatarios”. Para Rosana Pérez este proxecto de lei supón “a precarización do aluguer de vivendas para favorecer os intereses dos propietarios, sobre todo de grandes grupos inmobiliarios”. Fixo especial fincapé na “práctica desaparición de garantías xudiciais dos arrendatarios baixo o pretexto de facilitar o desafiuzamento, pois non poderán presentar oposición fundándose na súa situación económica, nen tampouco se permite aos xuices avaliar nen ofrecer saídas alternativas ao desafiuzamento”.

O proxecto de lei, puntualizou, respalda en exclusiva a alternativa do arrendador “de expulsar dunha vivenda a persoas que non afrontan o pago da renda sen ter en conta as condicións socioeconómicas do arrendatario”. “Pásase do desafiuzamento exprés ao desafiuzamento fulminante nun momento de crítica situación para millóns de persoas”.

Sen esquecer as bonificacións fiscais, financeiras e legais a entidades inmobiliarias. “Fomenta as sociedades de investimento inmobiliario ás que se lles exime de tributar. Favorece a apertura de vivendas valdeiras a persoas e entidades que permitirán a calquer persoa investir capital desde calquer lugar. Beneficios fiscais que seguirán alimentando a espiral de especulación inmobiliaria”.

Para a parlamentar nacionalista o Goberno non realiza a “necesaria reflexión das políticas de vivenda. Non se facilita a creación de patrimonios públicos de vivenda destinada ao aluguer social, non hai estímulos para as persoas con menos recursos. Non se contemplan os casos de emerxencia social e non hai propostas de actuación no mercado de aluguer da sociedade de activos procedentes do denominado banco malo, como un axente que ofreza vivendas a prezos asequíbeis para as familias con dificuldades”.

En conclusión, Rosana Pérez considera que se trata “dunha oportunidade perdida de poder correxir as políticas erróneas sobre vivenda e apostar polas políticas públicas”.

 

http://youtu.be/ZLIvTrtUUb4

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG