A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, acusou hoxe ao PP de practicar a doble moral, o engano e a manipulación nun tema tan serio e sensíbel como é a construción do dique flotante para Navantia na Ría de Ferrol.
Resulta que agora alcaldes populares da comarca de Ferrolterra prometen aos comités de empresa de Navantia incluir nos Orzamentos do Estado 2014 unha emenda que contemple unha partida para o dique flotante. Non se pode ser máis hipócrita e oportunista cando os populares rexeitaron no Pleno do Congreso do 13 de novembro as emendas do BNG que pedían 140 millóns para esta infraestrutura.
Rosana Pérez reta ao PP a explicar hoxe a emenda prometida
Rosana Pérez critica que o PP xogue con isto, xogue cos sentimentos de miles de traballadores de Navantia que agardan carga de traballo urxente para salvar os seus postos laborais. A deputada do BNG emprazou ao PP a explicar se onte cando se debateron no Pleno do Senado as emendas aos Orzamentos relativas ás seccións de Industria e de Economía, presentaron algunha transaccional para o dique flotante.
A parlamentar nacionalista reta ao PP a mostrarnos a emenda que prometeron porque o debate dos Orzamentos no Senado está a unhas horas de rematarse. Agardamos que non teñamos que lamentar outra nova mintira do PP, confiamos en que os distintos Gobernos populares non volten a enganar ao sector naval con promesas incumpridas, con falsedades, e queremos pensar que non se atreverán a facer oportunismo cun tema de tanta importanza.
Lembra a parlamentar nacionalista que o BNG presentou un feixe de emendas aos Orzamentos do Estado 2014 en relación ao sector naval, somos congruentes e coherentes e non presentamos fume nen enganamos. Nos Orzamentos pedimos 140 millóns para o dique flotante, 20 millóns para o fomento da industria auxiliar, e 120 millóns para un Fondo Patrimonial para o sector naval.
A todo isto o PP dixo non. Votou en contra das nosas emendas tanto en Comisión como no trámite no Pleno do Congreso, e agora andan dicindo que incluirán unha emenda no Senado in extremis. Pois terá que ser moi in extremis porque o debate e votación dos Orzamentos no Senado remata este mediodía. Que expliquen como o van facer, se é que o fixeron. O PP non tiña ningunha emenda sobre o dique flotante, ao BNG non lle ofreceron ningunha transaccional na tramitación, daquela temos que temernos o pior.
Unha vez que hoxe remate a votación dos Orzamentos no Senado, o dictame será votado o vindeiro xoves día 19 de decembro no Pleno do Congreso pero xa non hai posibilidade de introducir ningunha emenda neste último debate e votación na Cámara Baixa.
Rosana Pérez anuncia que o BNG voltará a levar o tema do dique flotante ao Congreso en forma de iniciativas parlamentares, tal e como fixemos noutras ocasións porque seguimos pensando que é unha boa solución.