Parlamento Galego

Rosana Pérez: "É demoledora a fotografía do sector pesqueiro tras dez anos de goberno do PP"

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez lamentou a “devaluación absoluta” na que o goberno  da Xunta mantén un sector estratéxico para o tecido  socioeconómico galego

A deputada do BNG, Rosana Pérez tildou de “demoledora” a fotografía que deixa o Partido popular nos últimos 10 anos de goberno e lamentou a “devaluación absoluta” do Executivo sobre un sector estratéxico para a economía galega.

Tras a comparecencia da conselleira do Mar, para explicar a estratexia do seu cara os  vindeiros catro anos, a nacionalista criticou a “tardanza da comparecencia” para coincidir  coa véspera  do Consello de Ministros no que serán abordadas novas reducións dos TAC, as contas do 2021  e os  últimos xiros da negociación do Brexit, o que, na súa opinión, impide un debate máis demorado no Parlamento e que os  grupos da oposición poidan facer achegas   sobre aspectos importantes que marcarán o descorrer do sector pesqueiro nos vindeiros anos.

A parlamentaria do BNG incidiu no impacto negativo dos recortes, normativas leoninas e discriminación da Unión Europea e  Estado  do  sector pesqueiro galego, a pesar de que “Galiza é o principal provedor de pesca de todo o Estado”. Contamos con máis de 4.400 buques dos 8.000 do Estado, o 89% é  pesca artesanal e marisqueo”. No ano 2019, as lonxas galegas subastaron 157.000 toneladas de peixe e marisco cunha facturación que superou os 458M€ e o tecido produtivo vinculado ao mar dá emprego a máis de 44.000 persoas en Galiza cuns ingresos en toda a cadea Mar-Industria de máis de 8.850 millóns de euros, explicou a nacionalista.

Nos anos 80, lembrou Rosana Pérez, a pesca significaba o 4,7% do PIB e na actualidade, sitúase no 2,1 pero aínda así, “nun de cada cinco concellos galegos, o peso do sector aporta máis do 10% do seu PIB. Nos anos 80, Galiza tiña máis de 16.000 mariscadoras, hoxe quedan arredor de 4.000 das que o 82% son mulleres.

“A fotografía que nos deixan nos 10 últimos anos é demoledora” e moito nos tememos, dixo a nacionalista, que esa situación poida repetirse porque agora virán as cotas para o 2021 coa “redución” das cotas de gallo, pescada, cigala ou abadexo. Vostede mesma acaba de valorar o impacto para a economía galga co recorte de cotas proposto para o Cantábrico-Noroeste. Máis de 2.300 tripulantes verán reducidos os seus soldos en  4 millóns de euros menos e ese é o punto de partida do goberno do principal produtor de peixe do Estado , deixen de seren “meros espectadores” e defendan o sector pesqueiro galego, espetoulle a deputada do BNG á conselleira Quintana.

Consecuencias  BREXIT

Rosana Pérez criticou que a pesar dos moitos estudos realizados pola consellería sobre a repercusión do Brexit no sector pesqueiro galego, a consellería do Mar continúa "á espera de que outros movan ficha e negocien”. Temos máis de 50 barcos e 800 tripulantes galegos faenando no Gran Sol, 140 barcos de capital galego faenando con bandeiras inglesas, francesas e irlandesas aos que hai que sumar os que están en Malvinas. Púxose en disposición de negociar directamente para defender os intereses do noso sector? “Plantóuse en Madrid para dicir que non pode volver a pasar coa pesca galega o que pasou coa adhesión do Estado español a daquela denominada CEE?  Fixo valer e exixiu os dereitos históricos da nosa pesca nas augas do Reino Unido? preguntou a deputada do BNG.

As baixas rendas e problemas de saúde das mariscadoras, os prezos das lonxas inferiores ao prezo final en beneficio dos intermediarios, as cotas do xeito dende o 2016, a falta de recuperación das zonas improdutivas, a desaparición de especies autóctonas, os focos de contaminación mariña nas rías de Arousa, Pontevedra, Ferrol e Muros-Noia, ou o funcionamento do INTECMAR foron algunas das cuestión sobre as que a parlamentaria do BNG exixiu un posicionamento da titular da consellería do Mar.

Investir en I+D

Sobre o INTECMAR, Rosana Pérez sinalou que ademais da loita contra a contaminación debe encarar outras tarefas como elaborar informes ao fin buscar solucións a aspectos que preocupan ao sector  e que o “I+D teña un papel determinante” nesta materia.

A nacionalista tamén fixo referencia aos fondos europeos para paliar os efectos da COVID pero a día de hoxe, dixo, aínda non lle escoitamos, “nin a vostede nin ao Presidente da Xunta, alguna proposta para impulsar sectores primarios ou para a pesca galega”. O único que coñecemos son “propostas para grandes empresas” que en moitos casos, “nin pagan os seus impostos no noso país”.

Rosana Pérez rematou a súa intervención cunha coñecida estampa de Castelao do vello que lle di ao neno “As sardiñas volverían se os gobernos quixesen”, o significado non é outro máis que a falta de “vontade política” e  compromiso do goberno para defender  un sector cun papel relevante na nosa economía,  cultura e  xeito de vivir, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG