Resolución do Consello Nacional a respecto da concorrencia do BNG ás eleccións ao Parlamento Europeo

O Consello Nacional do BNG, reunido o pasado venres día 6 de setembro, aprobou por unanimidade a seguinte resolución a respecto da conconrrencia do BNG ás eleccións ao Parlamento Europeo de 2014.

BASES POLÍTICAS PARA A CONCORRENCIA DO BNG AO PARLAMENTO EUROPEO

Diante da convocatoria de eleccións ao Parlamento Europeo para o 25 de maio de 2014, o Consello Nacional do BNG promoverá e encamiñará os seus esforzos á articulación dunha candidatura que teña como obxectivo garantir a presenza directa da nosa Nación nesa institución comunitaria, como única garantía de defensa dos intereses nacionais sen condicionamentos alleos, e como xenuína expresión política da existencia de Galiza como nación. O modelo de candidatura impulsada polo BNG estará fundamentada nas seguintes bases políticas:

1.- Defensa dos intereses de Galiza, da súa capacidade produtiva, da xeración de emprego digno na Terra, e da creación de riqueza ao servizo do pobo galego. Posta en valor das imensas potencialidades produtivas da nosa nación, emarcadas nun proxecto viábel de desenvolvemento para Galiza que garanta o control do pobo galego sobre un sistema financeiro propio, sobre o sector naval, o agro-gandeiro-forestal, sobre as políticas pesqueiras e marisqueiras, sobre os recursos naturais e enerxéticos do noso país.

2.- Defensa da soberanía de Galiza. Aposta por unha alternativa democrática para os pobos, contraria ao secuestro da vontade popular polas corporacións económicas e os estados. A lexítima aspiración de soberanía para a nosa nación é unha condición para a democracia adquirir un contido real, ademais de se converter no centro da solución á crise deste sistema capitalista globalizado, liberalizado e desregulado.

3.- Combate ao modelo económico e social da Unión Europea, ao servizo da imposición do paradigma neoliberal, baixo a tiranía da Troika, que só causa miseria e empobrecemento crecente da maioría da sociedade.

4.- Defensa dos principios democráticos, da soberanía e independencia dos pobos, da paz, do antiimperialismo, dos dereitos humanos, da igualdade, da xustiza e da diversidade.

En consecuencia, co fin de verificar este propósito, o BNG diríxese ás organizacións políticas galegas que, asumindo estas bases políticas, estén dispostas a manteren a prioridade de representación da Galiza como pobo, sen dependeren de forzas políticas de obediencia española. Na mesma liña, o BNG iniciará un proceso de interlocución con outras forzas nacionalistas das nacións sen estado, co obxectivo de construír unha candidatura das tres nacións (Galiza, Euskal Herria, Catalunya) que garanta a representación política de Galiza no Parlamento Europeo, aínda tendo en conta as limitacións impostas polo Estado español á presenza directa das nacións sen estado nas institucións comunitarias.

Galiza, 6 de setembro de 2013.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG