O BNG denuncia o uso sectario e clientelar que o PP fai dos fondos que a Deputación da Coruña adica ao Plan DTC93 Unha deputación para todos concellos, dotado con 18 millóns de euros, impoñendo uns criterios de reparto das axudas de xeito unilateral que benefician aos gobernos populares da Coruña, Ferrol e Santiago e discrimina a 71 dos 93 concellos da provincia.
O portavoz nacional, Xavier Vence, mantivo unha reunión de traballo co grupo provincial e cos alcaldes e alcaldesas do BNG na provincia para analizar este tema. A un ano das eleccións municipais, o PP usa a Deputación para facer un reparto ad hoc das axudas en beneficio dos seus alcaldes nas tres grandes cidades, ignorando os criterios de distribución obxectivos que xa existían e son aceptados por todos os concellos, explicou.
Neste sentido, o Bloque demanda ao PP que rectifique e aplique para o reparto dos 18 millóns de euros do Plan DCT93 os mesmos criterios que se recollen nos plans de obras e servizos (POS) da Deputación, nos que se prima o equilibrio territorial e os concellos rurais de menos de 50.000 habitantes.
O cambio unilateral do sistema de reparto das subvencións feito polo PP implica que A Coruña recibe un 90% máis de fondos públicos do que lle correspondería aplicando os criterios consolidados no POS, Ferrol un 60% e Santiago un 45%. Para que os gobernos do PP nas cidades reciban máis, 73 dos 93 concellos da provincia reciben moito menos do que lles correspondería, en algúns casos perden ata un 36% dos fondos.
Para os vecinos e veciñas dos concellos gobernados polo BNG, este reparto clientelar supón perder 204.215 euros.
Precisamente, se algunha razón de ser teñen as deputacións, alega Vence, é a de prestar servizos e financiamento aos municipios con menor capacidade económica e de xestión. O dirixente nacionalista, critica que o PP castigue aos galegos e galegas que viven no medio rural ou en concellos pequenos e medianos, en lugar de apostar pola equidade e pola redistribución para a poboación que ten máis dificultades para acceder aos servizos e para financiarse.
Vence chamou a atención sobre o camiño ao que nos conduce o PP combinando a reforma local da administración, que reforza as deputacións, coa súa política clientelar: A un progresivo abandono dos concellos rurais e dos concellos intermedios, a un incremento das desigualdades e das inxustizas no reparto dos fondos, a un progresivo deterioro do equilibrio territorial e a unha dificultade crecente para dar servizos aos cidadáns nas diferentes partes do territorio.
Son evidentes os perigos de manter e reforzar as deputacións no futuro, por iso desde o BNG insistimos na necesidade de suprimir as deputacións pola súa xestión pouco democrática e que cedan as súas competencias a aquelas administracións que son vontade da cidadanía, como os concellos e a CCAA, concluíu.