O BNG vén de participar na sesión de control ao Goberno na cámara baixa demandando ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación o seu compromiso na defensa do sector pesqueiro galego para un reparto xusto e que non implique a redución de cotas. Néstor Rego, deputado do BNG, reclama a Planas “facer valer” o contido da sentenza do Tribunal de Xustiza da UE, que estabelece atender tamén as cuestión sociais e económicas á hora de fixar as cotas e, na hipótese dunha decisión negativa, “ter a coraxe de vetala” en defensa do dereito a traballar da frota pesqueira galega.
Durante a sesión de control ao Goberno, o deputado BNG defende os intereses da frota pesqueira galega ante o Goberno e urxe o Ministro de Pesca a desenvolver “todas as accións necesarias e contundentes” que eviten novos recortes nos TACs e cotas. “O BNG reclama que faga valer o contido da recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que estabelece atender tamén as cuestión sociais e económicas á hora de fixar as cotas e, na hipótese dunha decisión negativa, que teña a coraxe de vetala en defensa do dereito a traballar da frota pesqueira galega” reivindica Rego.
O reparto proposto prexudica á Galiza, zona altamente dependente da pesca
Segundo explica o deputado nacionalista, a Comisión europea avanzou no pasado 31 de outubro as posibilidades pesqueiras para o vindeiro ano e, pendentes da decisión final do Consello en decembro, “as expectativas non se presentan en xeral favorábeis”. Decisións, todas elas, adoptadas fóra da Galiza, en Madrid -cun reparto interno que prexudica a nosa frota e favorece a especulación- e Bruxelas, que ameazan aínda máis o futuro dunha actividade económica esencial para a Galiza.
“Proposta de redución brutal do bocareu na zona IXa (54%), xarda (22%), abadexo (36%), posíbeis reducións tamén no linguado ou na sardiña e coa cigala no TAC 0 entre Fisterra e Cariño e a pescada do Gran Sol que xa se reduciu en 2024 en 12,5%. Para o xurelo sur, na zona IXa, proponse un aumento de 5%, mais o ICES recomenda recortalo en 66% e no ano 2023 a recomendación científica foi a que finalmente aceptou a UE” enumera Rego.
Se estas previsións se confirmaren, alerta Néstor Rego, comprometerían seriamente o futuro do sector e tamén a economía da Galiza, “como nación pesqueira e zona altamente dependente da pesca que somos”.
O sector pesqueiro ameazado, máis aínda, pola implantación da eólica mariña
“A este preocupante panorama hai que engadir as afectacións negativas de decisión como o veto ás artes de fondo en 87 zonas do atlántico ou a ameaza dos parques de eólica mariña frente ás costas galegas que afectarán ecosistemas sensíbeis e caladoiros esenciais da nosa frota” engade.
Volver, 32 anos despois, a Terranova
Durante a pregunta en sesión de control, o Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, alén de comprometerse co BNG na defensa dos intereses da frota pesqueira galega durante as negociacións que decorrerán no Consello europeo de pesca os vindeiros 9 e 10 de decembro, avanza que a sentenza do Tribunal da Unión Europea será o primeiro argumento que empregará co obxectivo de conseguir un bo reparto, tamén para o sector galego. Alén do máis, Planas anuncia que, após 32 anos, a frota pesqueira galega poderá volver ás augas internacionais de Terranova a pescar bacallau.